Thursday, June 28, 2007

Cando me disfrazo de pitufo

Para compensar a ausencia de medios visuais do post anterior, hoxe saín da casa coa cámara no peto.

Non hai moita xente na rúa cando me dirixo ao traballo, debe ser porque normalmente a xente emprega o carro para desprazarse e porque entro hora e media máis tarde có resto dos mortais.

Como se pode observar, o día estaba algo fresco. O edificio da foto é o Instituto de Psiquiatría... Ben, é a Escola de Saúde Pública e o Instituto de Psiquiatría, corrixo. Antes era un psiquiátrico, creo... Se cadra agora é un psiquiátrico, non sei.

Hai xeitos e xeitos de ir vestido ao traballo. Eu son un deses aos que se lles supón traballar co que ten dentro da cabeza e os meus xefes asumen que o meu aspecto persoal non garda relación co meu rendemento intelectual. Vaia, podo ir ao traballo vestido como se saia dos c****ns (que pasa? os meus pais tamén len o bló).

Con todo hai unha área do laboratorio á que cómpre ir ben presentábel porque alí viven os que fan que todo isto da investigación básica en psiquiatría funcione: os animais. Ben, no meu caso concreto: os ratos.

Dalgún xeito misterioso algunha cabeza pensante decidiu que aos ratos lles gusta a cor azul e para telos contentos, antes de presentarse diante dun rato hai que vestirse todo de azul. Todo o traxe supón tamén un gorro moi gracioso, pero eu por agora paso dese remate final.

Así, cando un rato me ve no traballo non ve ao tipo que estades acostumados, nooon. O coitado ve isto:

Pero pese ao susto seguen a ser bastante eles mesmos (o cal di moito destes seres). Aquí temos un exemplo de rato facendo algo moi habitual neles: explorar!

Wednesday, June 27, 2007

As veces algo desastre si son -v1.0 (beta)-


Vale, esquecín a cámara... outra vez.

Como ás catro da tarde estaba eu a pensar no concerto de Carlinhos Brown cando comezou a caer unha desas treboadas impresionantes típicas da cidade. Tendo en conta o sol que lucides en Compostela e arredores, pensei niso de que nalgures estará a chover se aquí vai sol.

Total, que quedei traballando (si, de verdade que estaba traballando) até que recibín unha chamada de Roberto preguntando se xa estaba na casa. Ao parecer, con isto de que os xefes marcharon de vacacións, era o único que pringao que seguía no laboratorio. Marchei, chovía, molleime, dinme conta de que esquecera o computador, molleime, volvín ao laboratorio, volvinme mollar e cheguei a casa.

Ao final fun coa bici, molleime, a casa de Roberto e decidimos aplicar esa máxima de que os homes non están feitos de azucre e polo tanto non desaparecen coa choiva. Vaia, molleime indo ao concerto.

Alí deixou de chover e eu de mollarme, descubrín que non se pode bailar nos corredores centrais das butacas porque os señores grandes de seguridade din que é perigoso... Semella que debes de un concerto do Carliños sentado!

Non sei como acabamos facendo unha especie de conga polo medio das butacas, fumos diante do escenario e o Carlinhos baixou e púxose diante (intre no cal a conga pasou de estar composta por 10 persoas a un número que tende a infinito), a partir de aí os tipos da seguridade do parque comezaron a mirarnos peor cá antes, cando bailabamos nos corredores, e impedirnos o paso. Pero como son aglosaxóns pensan que por dicir que non se pode pasar unha vez non imos ver como facelo por outras vías.

Foi divertido, sen fotos, pero divertido. Con sorte a web 2.0 proveerá.

Rematei falando de Chomsky e Watzlawick (DEP) mentres comía polbo grellado.

PS Tmn descubrín que me gusta montar en bici por Chicago á noite

Friday, June 22, 2007

Non creo nos balóns de fútbol!


Nin nos xarróns de porcelana!

Iso é o que proclaman os fanáticos relixiosos que poblan este curiosos país cando proclaman: "non creo na evolución". A maior parte destas lamentábeis formas de vida poblan as filas do partido republicano, aínda que poden atoparse noutros partidos e din tamén que pola rúa. Afortunadamente eses seres son variedades propias do sur do país e en estados como Illinois resultan chocantes incluso para un nativo medio.

Cómpre aclarar unha cousa neste punto: a teoría de evolución non existe. Existe a evolución (o cambio) das sociedades, dos organismos, das especies ou das ideas, e ninguén debera poder saír a un púlpito para anunciar: "non creo na evolución"... Ben, se a persoa forma parte dos Monty Pyton si que pode.

Cando alguén fala da teoría da evolución soe querer referirse á teoría da selección natural. Esta foi formulada para propor un mecanismo de funcionamento para a evolución non para propor a existencia da evolución.

Todo isto ven a conto por unha interesante editorial publicada este mes en Nature como resposta polo muxido do Senador Republicano por Kansas, Sam Brownback. O fulano ven a dicir que todo aquilo da ciencia que sexa compatíbel con que o home está feito a imaxe e semellanza de deus é benvido, o que sexa incompatíbel debe ser considerado "teoloxía atea" (sic) disfrazada de ciencia.

Aconséllovos ler o editorial, porque nunha soa páxina o autor fai razoamentos moi interesantes. O meu favorito é cando propón que deus debe ter mente de primate.

Como extra, inclúo un interesante artigo sobre o noxo.

-Editorial: http://subelo.es/index.php?p=download&hash=bK466RPfRvbX

-Artigo: http://subelo.es/index.php?p=download&hash=hbYjFJS14qch

PS Non ten nada que ver pero é para morrer coa risa http://www.tv3.cat/pprogrames/polonia/polSeccio.jsp?seccio=player&idint=650&tipus=actual

Thursday, June 21, 2007

A miña orquídea

Levaba xa un tempo querendo poñer unha pranta no meu cuarto. Hoxe fun a Home Depot (como Leroy Merlin pero ao grande) porque precisabamos unhas rodas para a mesa do comedor.

Por casualidade tiñan unhas estupendas orquídeas de Illinois por 16$. Este é o resultado:



Por agora luce ben, a ver se dura!

Wednesday, June 20, 2007

Algunha vez te preguntaches...


en que lugar do inferno rematarías?

Non? Vale, es bastante normal.

Pero se agora que o menciono queres sabelo dou un sinxelo test que, tras un ghuevo de preguntas en inglés, pasa a informar sobre onde vas pasar a eternidade.

Dou por suposto, como o autor do test, que todos ides rematar no inferno, pero ben, xa me contaredes.

Este foi o meu resultado no "inferno de Dante".

The Dante's Inferno Test has banished you to the Sixth Level of Hell - The City of Dis!
Here is how you matched up against all the levels:

LevelScore
Purgatory (Repenting Believers)Very Low
Level 1 - Limbo (Virtuous Non-Believers)Low
Level 2 (Lustful)Very High
Level 3 (Gluttonous)High
Level 4 (Prodigal and Avaricious)Moderate
Level 5 (Wrathful and Gloomy)Moderate
Level 6 - The City of Dis (Heretics)Very High
Level 7 (Violent)High
Level 8- the Malebolge (Fraudulent, Malicious, Panderers)Moderate
Level 9 - Cocytus (Treacherous)Low

Take the Dante's Inferno Hell Test

Monday, June 18, 2007

Aragon, Manu Chao e as autoduchas

Aclaro xa que Aragon, ademais de ser unha C.A. autónoma cando leva til (ola Pili) e o rei de Góndor cando engades unha letra, é un dos máis clásicos teatros de Chicago. Aconséllovos que fagades clic na imaxe da Ballroom para que comprendades o interesante de ir a un concerto nun lugar con tan... orixinal decoración.


(Foto cortesía de zedwards)

Youtube mediante, déixovos algúns vídeos de case o final do concerto de Manu Chao.






Houbo lembranzas, por cancións escoitadas noutros lugares e con outra xente, e moito movemento. Así é a música.

E cando volvín a casa semellaba que me duchara coa roupa posta, tres veces seguidas, pero, e o ben que o pasei?

Saudiñas

PS: Como dato curioso cando pedín unha cervexa puxéronme unha pulseira amarela, eu pensei que significaba: "este tipo é un alcólico" e quixen tirala por sentirme marcado. Ao final resultou significar: "este tipo ten 21 ou máis, deixen de foder pedindo o ID"

Wednesday, June 13, 2007

Con comentarios

Levo moitos días sen postear, pero fixen moitas cousas como conseguir un shitty prepaid celular porque non teño historial de crédito (paranoicos, coño!) e... vai, non me lembro. Ah, ir a concertos de blues e de música clásica ao aire libre, pero coma sempre esquecín levar a cámara.

Tamén descubrín unha páxina na cal subes unha foto e che din a que famoso te pareces, para que vexades o ben que funciona aquí tedes os sorprendentes resultados:


Ante tamaño despropósito fixen outra proba cunha foto máis sinxela: de fronte e sen nada de fondo, como vedes mellora:


Se aínda así vos atrevedes a xogar, aquí tedes a dirección http://www.myheritage.com/FP/Company/tryFaceRecognition.php?collage=1

Tuesday, June 5, 2007

IKEA

A ver, os noruegos teñen petróleo, os finlandeses Nokia e os suecos unha tenda de mobles. Vaia, sobre quenes son os listos da Península Escandinava non me pronuncio, pero sobre os máis parvos pouco hai que dicir.



Está claro que o demo nestes tempos fíxose deseñador de manuais de instrucións de Ikea e ademais ten un senso do humor peculiar, pero sempre podemos vencelo cun pouco de ollo e algúns consellos:

-Nunca, e digo nunca vaias con moita presa a Ikea, rematarás por mercar cousas incompatíbeis, como por exemplo un colchón queen size para unha cama double.

-Non sexas pijo e merca mobles normais, e se es coma min e non me fas caso sengue a ler.

-Por moi bonitos que semellen ser os mobles en IKEA ten en conta que logo hai que montalos, eu pensei que mercaba un cuarto e cando cheguei a casa tiña só un montón de caixas de cartón.

-Se un moble indica que debe ser montado por dúas persoas significa que non vas deixar durmir a túa compañeira de piso porque vas pasar a noite golpeando estruturas metálicas por tentar facelo ti soíño.

-Cantas menos pezas e máis sinxelo semelle o moble máis tempo vai requerir en proporción, a única excepción a esta regra son os mobles de unha peza (espero).

-Cando descubras que levas 15 minutos loitando cun parafuse pensa se realmente é necesario para a solidez do moble. Como regra xeral, que sobre 1/3 das pezas non é malo... de todo.

-Antes de rendirte diante da posibilidade de introducir algunha peza lembra que a saliva é un gran lubricante natural e sempre está moi a man.

-Diante de estruturas complicadas, camas loft por exemplo, o manual minte sobre a fase axeitada para afirmar os parafusos. Espera a ter colocado o somier, aprétao e logo axusta o resto.

-Cando te desfagas do monte de cartón co que vas rematar ao final ten conta de non tirar os manuais!

-Procura non mancarte e...

-Disfruta!

:)

Monday, June 4, 2007

Canso, sen cea e sen almorzo

Imaxes de onte de hoxe:












Por certo Joey, por fin puiden montalo. A pesar de ter feito chorar a un home diante de dúas mulleres, moitas grazas :)

Friday, June 1, 2007

O español: esa lingua marxinal


Resulta sinxelo escoitar noticias triunfalistas sobre a importancia numérica do español nos EUA, especialmente en medios españois. Normalmente este tipo de novas soen dar a impresión de que realmente o español, como lingua, é algo importante nestes lares. Dependendo do punto de vista, non hai nada máis lonxe da realidade.

Hoxe tiven dous interesantes exemplos. Pola mañá fun abrir a miña conta a CitiBank (por recomendacións variadas), non o notei pero mandáronme cunha axente que falaba español (era mexicana). Ao principio falei con ela en inglés e contestoume na mesma lingua, viu o meu pasaporte e seguiu en inglés, até que me explicou algo que non compredín e pedín que me repetise (tras máis de cinco minutos de conversa), entón díxome o mesmo en perfecto español, sorprendido pregunteille o motivo para non dirixirse a min en español directamente, a resposta foi: "moita xente oféndese".

Á noite fun cear a un restaurante bastante pintoresco, mexicano tamén (hai moito mexicano nesta cidade) onde serven peixe. É bastante malo para os estándares galegos, pero pódese pasar despois dunha semana carnívora. Na mesa de enfronte había catro rapaces con aspecto de mexicanos (polo menos de ascendencia), delatábaos especialmente as camisolas que vestían. Sorprendeume porque entre eles falaban en inglés, pero vaia poden ser nacidos en Chicago. Tamén falaron coa camareira en inglés, a pesar de ser hispana. Pero como en media hora, despois de bastantes bebidas alcólicas, estaban a falar en español entre eles, aínda así, cando se dirixían á camareira falaban inglés de novo, para continuar despois entre eles en español.

É sinxelo atopar unha explicación a todo isto. As novas na España non minten, o español ten unha gran presenza nos EUA dado que os hispanos son a primeira minoría do país. Pero teñen os peores traballos, viven nos peores barrios e teñen unha consideración social baixa. E isto connota o idioma que falan, por iso moitos deles prefiren desenvolverse nunha lingua de máis prestixio como é o inglés.

Un caso evidente de diglosia.