Tuesday, August 26, 2008

Eu sei onde está Txeroki!

Os servizos de intelixencia da policía, GC e exército poden deixar de buscar por Europa adiante. Aplicando sofisticados sistemas de razoamento cheguei á conclusión de que o considerado como un dos líderes de ETA anda neste lado do atlántico.

Como sabedes nos EUA hai dous tipos de persoas os que viven en cidades e os rednecks. O termo redneck ten unha historia incerta, pero no día de hoxe engloba a todos aqueles americanos cunha gloriosa falta de sofisticación (Jeff Foxworthy). Pero ser un redneck implica moito máis que un estereotipo baseado en vivir nunha caravana, casar con familiares cercanos, conducir unha pickup ou levar armas até para mexar.

Ser un redneck implica ter unha visión alternativa da realidade. Unha das manifestacións máis salientábeis desta particular visión é a súa capacidade para obter algo útil do que para o resto do mundo sería lixo. En concreto, semellan ter algún tipo de fixación cos elementos propios do WC.





Pero ser un auténtico representate desta especie supón moito máis esforzo có de reciclar mexadeiros, así, un pode consideralos os garantes da identidade nacional USamericana composta, entre outras cousas, por bandeira, pistola e carne para comer. Como exemplo disto, temos a versión redneck do polbo de toda a vida:



Con todo, o tema ía de Txeroki e do seu actual lugar de residencia. Chegar a conclusión á que cheguei levoume moito tempo e longas reflexións. Vou compartir estas convosco.

Como xa dixen hai algúns rasgos característicos dos redneck que os fan inconfundíbeis, un deles é o peiteado tipo mullet perfectamente explicado neste gráfico.



Non custa moito pensar que, de feito, un dos rasgos característicos dos borrokos e semellantes é precisamente o peiteado. Deste xeito, o tal Txeroki ghasta estas pintas:



E, amigos meus, o seu curmán estas:



O parecido é obvio , se até a cara de noxo é a mesma!

Desde aquí quero instar ás forzas de seguridade para que concentren a súa atención nos estados onde os rednecks son máis prominentes. Por se a GC e a polisía non sabe onde buscar, deixo un mapa do tesouro:





Wednesday, August 6, 2008

Un oco para Paris Hilton

A estrela favorita de todo o mundo (aka a nena máis p**a (pija) de América) respostou ao candidato republicano J. McCain que a comparou co candidato demócrata B. (Hussein) Obama.

Se non sabedes de que falo, póñovos en antecedentes. McCain é un tipo vello e se lle nota, hai 8 anos tería sido un bo candidato á presidencia, pero ese foi o ano de G. Bush Jr. Agora véselle cansado e ademais ten diante a todo un fenómeno mediático que ademais sabe falar. Así que, seguindo as regras da política, se o teu perfil é baixo e o do teu adversario alto, golpea onde doe. O resultado é que a campaña de McCain baséase máis en desgastar ao demócrata que en dicir algo.

Dentro desa dinámica, McCain comparou a Obama con unha celebridade sen contido, como Paris Hilton ou a Spears.




Ben, o tema é que a rapaza foi capaz de respostar, e fíxoo ben!




As campañas en USA son longas, e por iso xente como Paris Hilton chegan a ser relevantes. Desde o meu punto de vista, a estratexia de McCain non está a funcionar tan ben como debera. A este paso, imos ver unha campaña moi pouco igualada. Porque, vendo por onde vai o republicano, témome que non vai aguantar os debates cara a cara.