Saturday, October 31, 2009

Hai que ter coidado co que se pranta

Por se alguén aínda non se deu conta, os USA son un país bastante conservador e a relixión pode aparecer onde un menos o espera. Ver xente lendo a Biblia no tren non é raro, así como tampouco o é que repartan libros sagrados no campus, pero hai veces que a relixión precisa facerse notar.

Nestes tempos que corren, nos cristiás EUA e noutros lugares do mundo, o cristianismo libra unha loita feroz contra a razón e a ciencia (coma sempre). Os máis radicais, con todo, non soen ser os católicos, os cales aquí, cousas dos puntos de vista, son considerados case liberais. Con todo, cómpre lembrar que o catolicismo romano é unha das forzas conservadoras máis poderosas do planeta e que a súa presenza é ubicua.

E se hai algo que distingue aos católicos doutras sectas cristiás é a súa obsesión mariana, supoño que relacionada con adaptacións de deidades pagás e tamén co disfuncionalidades do celibato. De feito, durante a miña (non precisamente breve) estancia nun colexio de curas, sempre me resultou preocupante esa tendencia a darlle a María case ou máis importancia que a Xesús. Recoñezo que ter fillos sendo virxe ten mérito, que non encanto, pero polo menos a Xesús o torturaran, iso ten que contar algo. Por outra banda, para calquera que teña entrado nun templo católico, case mellor así. Porque os Cristos moribundos poden asustar aos nenos e non tan nenos.

Tamén hai que ter en conta que este é un país moi grande e o catolicismo ten que competir con outras sectas cristiás e incluso co poder doutras relixións monoteístas. Por iso, non é moi útil facer grandes catedrais e esperar a que a xente veña a ti. Mellor ir ti á xente, especialmente se son aburridos universitarios!

Un día, paseando polo campus onde teñen aos estudantes máis xoves, puiden ver no horizonte algo que non podía ser o que semellaba ser. Era como un Godzilla cromado con coroa de flores, vaia, unha cousa tal que esta:



Era iso realmente o que parecía? Estaba a soñar que había unha Virxe montada nun semireboque no medio campus? Guiado pola miña actitude científico-wtf fun mirar-tirar unha foto.

E si, efectivamente, alguén chantara unha virxe enorme, con velas aos pés e todo, para delirio, goce e devoción dos ghipiosos estudantes.



En definitiva, nos EUA, todo se fai ao grande... e as virxes viaxan en camión.