Monday, June 4, 2012

Cousas que un debe facer cando visita os EUA: disparar

Unha das preguntas máis habituais que me fai a xente en Galiza cando digo que vivo nos EUA é se xa merquei unha pistola. Deixando a un lado as consideracións morais, o certo é que ter unha arma en Chicago é bastante complexo. Na cidade a posesión de pistolas era ilegal até hai moi pouco (cando a corte suprema decretou a lei anticonstitucional) e incluso agora a posesión de armas está extremadamente regulada. En esencia, ademais de ter que rexistrarse coa policía, as armas só poden terse na casa (por exemplo: o garaxe e o alpendre non se consideran parte da casa para efectos da lei), e deben transportarse desmontadas. Por se isto non fose abondo, as tendas de armas son ilegais na cidade de Chicago.



Afortunadamente, existen lugares máis civilizados como Cincinnati (Ohío) onde este tipo de consideración son innecesarias e un pode adicarse a ese fermoso pasatempo que é dispararlle a cousas sen que medien gobernos entrometidos. Así que aproveitando a fin de semana, aí fumos a ver cal é o atractivo do asunto. Como son un home sensíbel, escollín para comezar un clásico cun calibre razoábel, unha Ruger MKIII cal. 22. E como non todo o mundo é coma min, un dos nosos amigos escolleu a nada sensíbel Glock 21. Moi semellante á polivalente Glock 17 en deseño, pero como os 9mm quédanlle pequenos ao redneck medio, os austríacos foron moi listos e sacaron para o mercado americano unha versión 45 ACP... unha semiautomática como deus manda, vaia.

A sensibilidade e a delicadeza feitas pistola: Ruger MKIII
Porque o tamaño (das balas) importa: Glock 21

A pesar do pouco aprezo que lle teñen en Ohío ao nanny state, un ten que seguir unha serie de regras básicas na galería de tiro, a miña norma favorita é sempre tratar unha pistola coma se estivese cargada. Semella que os Borbóns prefiren ignorar esta regra, o cal serve para dar de comer á prensa do corazón e aos historiadores.

Eu sendo sensíbel coa Ruger
Calquera que teña disparado unha espingarda de balíns pode comprender en que consiste o de dispararlle a brancos a diferentes distancias. A MKIII definitivamente ten moito disto en canto a peso e comportamento, até o punto de que a miña pontaría foi bastante boa e a sensación foi de estar a disparar nunha feira. A maior diferenza cunha feira era a Glock 21 no posto do lado que facía un ruído da ostía (mellor descrición posíbel). Pasar da Ruger á Glock foi como pasar de facerlle agarimos a un gatiño a espertar un león dándolle unha patada nos collóns. Facer dous tiros seguidos sen voltar a ter que apuntar é imposíbel, con independencia de canto te amarres á pistola. Desde logo, aqueles que buscan sensación de poder ao disparar unha pistola, deben decantarse pola Glock.

A miña sensibilidade foi ao carallo tras disparar coa Glock
O meco de papel está moi morto despois da miña falla de sensibilidade

Así que xa sabedes, se queredes matar follas de papel (tamén as hai con tipos ameazantes ou zombies), visitade Cincinnati porque disto en Chicago non hai.