Monday, April 4, 2011

O retorno dos cosmopaletos

Resulta que esta fin de semana, nunha ruptura da miña rutina experimentadora, pasei por unha libraría. Si, eses sitios con libros... A verdade é que non teño moi claro como funcionan, eu persoalmente vou alí na busca de café barato (e non bebo café), ou de aseos públicos. Seica tamén podes mercar libros, pero como son moito máis baratos en Amazon (.com) eu sinxelamente vou a mirar, coller ideas e ver como visten os hipsters.

Unha das ideas que collín, e merquei en Amazon (.com) unhas horas máis tarde, foi esta:


Non é que teña pensado facerme líder mundial, atopo o sistema democrático demasiado complexo (Bush, Aznar, ZP!?), pero se un futuro presidente pode comprender o libro seguro que eu tamén. A verdade é que saber un pouquiño de física e tecnoloxía debera ser requerido para calquera que aspire a dirixir un goberno. Básicamente porque logo toca lexislar sobre internet, ou saber se un faio catastrófico nunha central xaponesa vai erradicar a especie humana e o que aprendimos na escola no dá nin para entender aos nosos expertos. De feito non dá nin para saber se os nosos expertos son tal.

Por suposto, os aspirantes a líder mundial non concordan comigo e prefiren adicar o seu tempo a aprender idiomas, o cal é unha gran idea. Así Rajoy, ese home que nunca estivo no barco dun presunto narco, seica adica tres hora a semana a aprender inglés e así poder falar con Obama. Imos deixar a un lado o feito de que as principais relacións económicas do Pequeno Imperio deben de ser con Franza, Portugal e Alemaña. Ao fin, Rajoy falará francés como as vacas, xa que é o nivel que ensinaban cando el estudou. Sabemos que, dado o seu dominio do galego, o portugués sáelle como se fose nado en Reykyavík. E, probálmente, o alemán conta con demasiadas declinacións como para molestarse.

Cómpre lembrar neste punto que os cosmopaletos menores do reino (o señor conselleiro de cultura e o señor conselleiro de educación da autoanemia galega) levan un tempo coa teima do inglés. Supoño que Rajoy decidiu aclarar quen manda neste choio e amosarse como cosmopaleto maior. Ten o precedente do presidente Ansar (denominación internacional), que chegou a ter suficiente nivel de inglés para dar clases en Georgetown e ir dicir cousas como que ningún musulmán lle pedira desculpas por invadir España. E non falaba dos inmigrantes en pateras, falaba do século VIII. Creo que os xesuitas aínda se preguntan se deberan pedir control de alcolemia antes de permitir impartir aulas.

Supoño que Rajoy non aspira a falar de xeopolítica con Obama, básicamente porque igual acaba en guerra cos USA e xa sabemos como rematou a primeira... E para dicir "ghelou, ghau ar iu", as tres horas á semana vanlle vir sobradas. Iso si, se a cousa se lle dá ben, na miña visita a libraría atopei un libro que lle vai vir perfecto cando, no canto de falar con Obama, vaia falar cos líderes europeos, que ao fin é o que lle debera preocupar a este bo home. Para ti Rajoy, que sei que che vai gustar: