Tuesday, September 29, 2009

Artistas e galenos

Aínda que, como todas as profisións, cada vez ten máis de técnica e menos de arte, o certo é que entre os médicos sempre existiu un grupo con certa... vea artística.

Castelao sería un exemplo, aínda que non exerceu demasiado, ou Luis Martín Santos, pero por haber hai moitos. O caso é que, como lles toca lidar coa materia humana cando esta se atopa doente, iso lles afecta no seu exercizo plástico.

A unha desas mentes médico-artísticas deulle pola reciclaxe de ferramentas de ciruxía, concretamente para a construcción de esculturas. Por algún motivo que non chego a comprender, a súa morte a familia decidiu doar esta obra á biblioteca de ciencias da saúde. Así que na terceira pranta, xusto ao saír do ascensor, podemos atopar esta sopresa.





Tentarei conseguir unha foto máis decente esta semana.

Monday, September 7, 2009

Conspiranoia

Prestar atención á politica Usamericana presenta varias complexidades, a limitación do espectro político é unha delas, pero desde logo, ofrece grandes intres de diversión.

En palabras de Bill Maher: "os demócratas movéronse á dereita e os republicanos movéronse a un manicomio". E a verdade é que razón non lle falta. Para moitos votantes e, o que é máis grave, cargos republicanos, Obama é un comunista-musulmán-nazi-nacido en Kenya e pertencente a un grupo cristiano racista pro-negro. Moitos deses calificativos poden atoparse dentro do mesmo discurso.

A cantidade de teorías que se lles escoitan a medios e políticos de extrema dereita supera os limítes da ficción, e a última é que Obama quere indiducir os nenos ao comunismo.



Resulta que mañá é o comezo do curso nas etapas non universitarias e o presidente decidiu ir a uns instituto en Virxinia e dar un discurso sobre a importancia da educación que será retransmitido a todas as escolas. Desde que se soubo o seu plan todo tipo de elementos do partido republicano deixaron voar a súa imaxinación. Deixo só unha pequena mostra de mans de Jim Greer, presidente do partido republicano en Florida:

"Como pai de catro nenos, estou absolutamente horrorizado polo emprego de impostos en difundir a ideoloxía socialista do Presidente Obama. A idea de que nenos en idade escolar de todo o país vaian a ser forzados a ver ao Presidente xustificar os seus planos para o control gubernamental da sanidade, os bancos e as empresas de automoción; para incrementar os impostos en aqueles que xeran emprego, e xerar maior débeda que ningún outro Presidente; non só resulta exasperante, senón que vai en contra das crenzas da maioría dos Americanos, ademais de eludir aos pais Americanos mediante un abuso de poder invasivo".

Como podedes imaxinar, esta polémica levou a moitas escolas a decidir non retransmitir o discurso do presidente, ou a deixar a decisión en mans dos país. O discurso, que se lerá mañá, xa está dispoñíbel na rede e, a verdade, pouco ten de argumentación socialista diante dos nenos. Para aqueles con paciencia, atópase aquí: http://www.whitehouse.gov/MediaResources/PreparedSchoolRemarks/

Para aqueles sen ela, Obama di que é importante ter obxectivos na vida, que un ten que esforzarse para que as cousas vaian ben, que os EUA son como son grazas aos que viñeron detrás e serán como sexan no futuro grazas a eles, así que a currar polo país, deus vos bendiga e deus bendiga América...

O certo é que os debates artificiais e o emprego das palabras socialismo e comunismo para automaticamente descalificar ao adversario, levan formando parte da vida política deste país unhas décadas. Así, en 1959, grupos de patriotas Dixiecrats reuníanse a protestar pola mistura de negros e brancos nas escolas.



Nótese a cordura na imaxe do neno abaixo á dereita levándose as mans á cabeza diante de tanta tolemia.