Monday, September 7, 2009

Conspiranoia

Prestar atención á politica Usamericana presenta varias complexidades, a limitación do espectro político é unha delas, pero desde logo, ofrece grandes intres de diversión.

En palabras de Bill Maher: "os demócratas movéronse á dereita e os republicanos movéronse a un manicomio". E a verdade é que razón non lle falta. Para moitos votantes e, o que é máis grave, cargos republicanos, Obama é un comunista-musulmán-nazi-nacido en Kenya e pertencente a un grupo cristiano racista pro-negro. Moitos deses calificativos poden atoparse dentro do mesmo discurso.

A cantidade de teorías que se lles escoitan a medios e políticos de extrema dereita supera os limítes da ficción, e a última é que Obama quere indiducir os nenos ao comunismo.



Resulta que mañá é o comezo do curso nas etapas non universitarias e o presidente decidiu ir a uns instituto en Virxinia e dar un discurso sobre a importancia da educación que será retransmitido a todas as escolas. Desde que se soubo o seu plan todo tipo de elementos do partido republicano deixaron voar a súa imaxinación. Deixo só unha pequena mostra de mans de Jim Greer, presidente do partido republicano en Florida:

"Como pai de catro nenos, estou absolutamente horrorizado polo emprego de impostos en difundir a ideoloxía socialista do Presidente Obama. A idea de que nenos en idade escolar de todo o país vaian a ser forzados a ver ao Presidente xustificar os seus planos para o control gubernamental da sanidade, os bancos e as empresas de automoción; para incrementar os impostos en aqueles que xeran emprego, e xerar maior débeda que ningún outro Presidente; non só resulta exasperante, senón que vai en contra das crenzas da maioría dos Americanos, ademais de eludir aos pais Americanos mediante un abuso de poder invasivo".

Como podedes imaxinar, esta polémica levou a moitas escolas a decidir non retransmitir o discurso do presidente, ou a deixar a decisión en mans dos país. O discurso, que se lerá mañá, xa está dispoñíbel na rede e, a verdade, pouco ten de argumentación socialista diante dos nenos. Para aqueles con paciencia, atópase aquí: http://www.whitehouse.gov/MediaResources/PreparedSchoolRemarks/

Para aqueles sen ela, Obama di que é importante ter obxectivos na vida, que un ten que esforzarse para que as cousas vaian ben, que os EUA son como son grazas aos que viñeron detrás e serán como sexan no futuro grazas a eles, así que a currar polo país, deus vos bendiga e deus bendiga América...

O certo é que os debates artificiais e o emprego das palabras socialismo e comunismo para automaticamente descalificar ao adversario, levan formando parte da vida política deste país unhas décadas. Así, en 1959, grupos de patriotas Dixiecrats reuníanse a protestar pola mistura de negros e brancos nas escolas.



Nótese a cordura na imaxe do neno abaixo á dereita levándose as mans á cabeza diante de tanta tolemia.

3 comments:

amauta said...

Comprendo o que comentas pero Obama é un comunista que inda non fechou guantánamo, que non retirou inda as tropas de Iraq, que di que inda queda "traballo" en Afganistan e que inda non universalizou a sanidade. Todo un iconoclasta, vamos...
xDDD
O día que faga todo iso que será?
E todo por deixar a aquela velliña sentar no autobús cos brancos...Se non tiveran cedido agora non terían a un negro na casa branca!!! :DDD
Saúdos meu!

Ignacio said...

De feito a política de Obama diferénciase pouquísimo da política de Bush 43.

O problema real é que hai 12 meses o partido demócrata estaba polo chan e o republicano controlaba a casa branca e o senado. Agora os demócratas controlan a casa branca, o senado e o congreso. E iso era algo que ninguén esperaba.

Para regresar ao poder os republicanos teñen dúas opcións, ou moderar o seu discurso ou botarse ao monte. Escolleron a segunda posibilidade e semella que lles vai moi ben.

Lembra o que che digo, cando os republicanos regresen ao poder, o binomio Bush-Cheney será visto como un grupo de moderados.

O que será interesante ver é a situación xeopolítica que ocupan os USA para entón.

En en canto a Obama, creo que será lembrado como o primeiro presidente negro e nada máis.

Turonio said...

A min paréceme que hai un cambio de tendencia que comezou o dia en que a prensa e a rapidez de Bush fixeron que gañase unhas eleccións que non gañara. Agora mesmo en calquera país cada vez que hai unhas eleccións gañan todos antes de acabar o reconto e os que perden deseñan unha política fóra das formas normais do sistema en que explican de maneira "conspiranoica" a maldade do gobernante e que todo obstaculo que se lle poña é un acto de boa fé.
Volvemos á teimuded e á falta de diálogo. Todos somos republicas bananeiras con políticos crispados e crispando. Versións irreconciliables. Revoltas tipo Yushenko, Almadineyah, Moldavia... hoxe en dia as eleccións son elementos desestabilizadores da sociedade... Como solucionamos iso?
Dá medo non? ;)