Monday, May 7, 2007

Oh my god!

Son moi reticente a facer relatos demasiado biográficos nun blog, soen ser moi egocéntricos e por moi egocéntrico que eu poda ser, sei que a xente prefire non sabelo...

Pero hoxe foi un día ben raro.

Hoxe o meu xefe, director científico do Instituto Psiquiátrico, daba un seminario ás 9:30, era importante para todos chegar a tempo, como podedes deducir. Así que decidín levantarme cos kosovares para evitar acidentes desafortunados dado que ao ritmo de Roberto xa cheguei tarde unha vez. Así que ok, acordo e me ducho, lévolles vantaxe porque eles aínda andan en pixama pola casa.

Pero non sei como, cando estou preparando o meu almorzo eles xa están listos, como pode ser? Pois porque se duchan pola noite e, iso si que é raro, por algún motivo que descoñezo os kosovares non almorzan, ou peor, comen algo mentres camiñan. Así que tiven que acelerar o meu, de por si bastante rápido, ritmo de inxesta, coller as miñas cousas e decidir que cepillar os dentes era un tempo que non podía perder.

Co meu estómago preguntándose a que viña tanto odio, fun ao seu paso até o instituto. Para contextualizar aclaro que hoxe comezan os "final exams" para os yankis, que son o que o seu nome indica. Cando entramos no edificio atopámonos unha amábel señora negra convidándonos a almorzar algo antes dos exames. Eu dixen . "No, thank you" pero cando me din conta os malditos kosovares estaban no medio dos undergraduates tratando de recolectar todo o que podían entre teses, cafeses e bolos variados nos menos de cinco minutos até a presentación de Dr. Guidotti.

(Fago un alto aquí, imaxinades unha faculdade galega ofrecendo almorzos gratuítos aos seus alumnos para facer os exames con calma?)

Sigo: eu fun menos listo e fixen por comer unha especie de donut obeso mentres traba de chegar ao lugar do seminario. Pero inxerir alimento, camiñar e tratar de non perderme fanme comer despacio, así que cando por fin cheguei aínda tiña 1/4 de donut obeso na man. Non podía entrar con el alí, porque había moitísima xente, así que gardeino no peto e entrei.

Hoxe, ademais do meu xefe, estaba tamén o xefe de Guidotti, o Dr. Costa. Este home de pode que 83 anos ten todos os premios científicos pertinentes menos o nobel, ao cal obviamente, é candidato habitual. Como a min nin me vai nin me ven tomei asento.

Como sucedera a semana pasada, a xente toma o asunto dun seminario os luns como un xeito de chegar tarde ao traballo, así que durante media hora, co seminario en marcha, estivo entrando xente.

A cada un, Costa botáballe a bronca por chegar tarde, a falta de respecto, etc. E eu sentíame cada vez máis nun instituto o nunha escola primaria. Os que chegaban tarde era investigadores postdoutorais ou incluso investigadores cos seus propios proxectos, e alí estaban recibindo e aceptando a broca... Ao final, mosqueouse e xa advertiu que para a próxima o seminario comeza ás 9:15 e ás 9:30 se pechará a porta.

O seminario, a todo isto, versou sobre a necesidade de superar a hipótese dopaminérxica da esquizofrenia e a posibilidade de centrar os novos obxectivos nos mecanismos epixenéticos, concretamente na metilación-desmetilación das histonas... Interesante, debo recoñecer.

Isto foi todo e polo pronto tocou facer algunha cousa científica para xustificar a existencia de todos eses chismes caros que andan polos laboratorios. Concretamente, continuei cunha inmunohistoquímica que tiña incubando desde o venres pasado. E cando o protocolo me deu un descanso de unha hora, marchei comer con Adrian, Ekrem e Bashkim, vaia, os kosovares.

O Pompeii é un restaurante italiano yanki bastante interesante ao lado do Instituo, e alí comen principalmente xubilados, policías e estudantes. Entre os policías sobresaiu un tal Yoshimura, un SWAT como un armario con chaleque antibalas e un pistolón ben gordo (falo un arma curta, aclaro), diría o modelo se me tivese atrevido a mirar detidamente a aquel cruce entre un loitador de sumo e un culturista. Polo tanto xa vin armas nun comedor con estudantes universitarios e sigo vivo. Moitos diredes que o levaba un policía, pero todos sabemos o perigosa que é esa xente.

Despois, volta ao laboratorio e á inmuno, polo medio falar cos meus pais durante un dos lavados do tecido e ei! traballo feito antes das cinco. E ademais todo o mundo me felicita polo ben que me saiu. Ante tanta felicidade decido relaxarme mandando algún correo e lendo algúns artigos.

Nalgún momento Bashkim entra pola porta e anuncia que o laboratorio da investigadora que coordina todo o traballo coa colonia (vaia os datos dos ratos cos cales teño que traballar) está así como moi inundado.

Cando chegamos alí o espectáculo era bastante lamentábel, había unha pingueira directamente enriba do seu monitor e os papeis da mesa estaban mollados, ademais, unha encantadora fervenza saltaba sobre a CPU.

Fixemos o que puidemos por salvar o que alí había, especialmente o material de laboratorio como centrífugas e demais que ven a ser bastante caro... e pesado. Depois subimos á terceira planta, que está en reformas, a ver que pasaba. Unha tubería rompera coa obra e os operarios aranxárona con pouco máis que un chicle... podedes imaxinar. Estivemos alí un bo intre agardando polo enxeñeiro a ver que se podía facer. Ademais, como falo español era o encargado de indicarlle ao operario onde era mellor poñer a bomba para succionar a auga.

Bastante mollado fun para casa. A idea era darme unha ducha e ir firmar o contrato do meu piso. Esta parte é bastante estúpida e delirante. Se alguén pensa que a language barrier non existe, mellor que lea isto. Anticipo que todo o mundo opina que o meu inglés é bo, investigadores e xente en xeral, pero esta historia demostra o contrario.

Fun firmar o contrato con Sammie, un alemán moi simpático que estaba facendo o meu traballo até agora e que coñecín a fin de semana. Estivemos falando coas miñas futuras compañeiras até que chegou o dono e logo nos puxemos. Firmei o contrato, paguei e cando me din conta resultou que non podía ocupar o meu piso até o 18 de xuño, e non de maio coma eu pensaba.

Resulta que Roberto e mais eu confundímonos e, non sei, todo foi moi raro. Ao final Sammie, botoume unha man e creo que poderei atopar algo para vivir mentres porque necesito ter un cuarto ou me vou voltar tolo.

Atopei algo, barato e pequeno perto da UIC, pero unha rapaza vai ir velo antes cá min, se ela non o quere, veremos.

E esa é a miña vida.

Ah, cando tentei sonar os mocos, atopei 1/4 de donut obeso nos meus kleenex.

7 comments:

Marta said...

Nachete!!
al post le falta la música de Benny Hill!!!
ya me estaba preocupando, que llevaba dos días sin saber nada de ti!!!
Así que vas por la vida con cuartos de donuts obesos en el bolsillo... no es más plan si te intentan secuestrar siempre lo puedes usar de soborno!
Y lo del piso con calma, y sino a un motel como los de las películas!!
Bicos

Antía said...

Eu comezo a mañá...e bo xeito de espertar antes dunha apaixoante clase de Cidrás!mi madriña,meu!día ou maratón...take it easy!

Hariainn said...

Nacho, fas ben en escribir isto, gárdao ben, dará para un libro...
Faime o favor de comer decentemente! Comida italiana, donuts obesos... A ver con cantos quilos máis voltas!
Cóidate meu.

Fran said...

Moi ben escrito e moi divertido!!.

Calquera diría que o da tubería e "typical spanish" pero vexo que pasa o mesmo en todos lados.

Saudos, golosón (faille foto a un donut obeso, que teño curiosidade)

Coidate moito!! :^)

ANA said...

Menudo estrés!!!! que locura, no se como lo aguantas yo ya estaría desquiciada, pero tu eres un chico tranquilo y muy resuelto. Sigue así campeón, sigue así.

Meripousita said...

Ai meu neno!!!volve para a casa que te desquicias!!!!

diego said...

JO macho!
Coincido con fran en que eu pensaba que os laboratorios cutres eran tipical spanish. Aleda saber que compartimos eso con outros lares.
Por certo, ti xa vexo que sobreviviche a xornada o mellor que puideche; pero ... de verdade que o donut obeso aturouno??????????!!!!!!!
Apertas, coidate.