Saturday, February 28, 2009

Conversas do tren

Unha das vantaxes de coller o transporte público é que de cando en cando tócache compartir comboio con algún tarado, e de cando en cando son simpáticos ou entretidos.

Aclaro que os tipos raros son máis habituais nas fin de semana, a horas intempestivas e en certas liñas. Durante a semana deben estar agochados onde sexa que vivan deixando á xente normal empregar o tren de xeito aburrido.

Ao que ía, que estaba eu con Deanna montado na liña vermella ás 11:00am e tiñamos diante a unha muller e a un home de mediana idade falando a un metro de nós. Chamoume a atención que a tipa falaba co outro mentres escoitaba música cos cascos, pero iso non é ilegal até onde eu chego.

Nalgún punto a conversa levou a canto tempo levaban sen consumir drogas grazas á axuda de deus... O tipo levaba uns anos e a outra cento e pico días. Tamén comentaron de como cando caían inconscientes pola intoxicación sentían como o diaño tentaba roubar as súas almas.

Levaban un rato falando das súas experiencias e de como deus e a Biblia os estaban a axudar cando o rapaz sentado xusto detrás deles interrumpiu a conversa. Semellaba un xoven normal e pensei que ía pedirlles que deixasen de falar de drogas coma se estivesen a falar da lista da compra, pero non. O que fixo foi ingadirse á conversa dicindo que el tamén fora un adicto até hai un ano cando descubriu papás no ceo e cousas así que o sacaron do vicio...



Todos parecían moi contentos de ter pasado de usar drogas a ter unha superstición, parece un bo cambio pero cómpre pensar que ambas supoñen aceptar un locus de control externo para a propia conduta. Un adicto pensa: "asalto a xente na rúa porque teño mono", e un fanático pensa: "estou limpo porque se non o papá do ceo vaime mandar ao inferno". O locus de control externo fai que un non se sinta responsábel do que fai, xa que o fai por motivos distintos a un mesmo e iso incrementa as súas posibilidades de recaída.

En fin, que estaba todos falando das súas aventuras cando o maior de todos suxeriulle ao recén chegado á conversa que lese Salmos 20 para celebrar a súa victoria sobre a droga. O outro preguntou cal fora o evanxelista que escribira iso e, obviamente, o outro aclaroulle que era unha pasaxe do Antigo Testamento. Digou eu que se te consideras seguidor dun deus que só ten un libro o mínimo é coñecelo.

Comezaba a ter eu ganas de entrar na conversa pero Deanna decidiu que xa era demasiado e cambiamos a outro vagón.

Francamente, se alguén se mete nas drogas, o mínimo que pode facer é aceptar que o fixo porque quixo, non porque o demo o tentou ou por ter amigos rusos aficionados á esmorga. E se un se fai adicto e logo o deixa, xa que conseguiu algo bastante difícil, polo menos debera atribuírse tanto o mérito como a responsabilidade de manterse nese estado. Porque a deus dálle exactamente igual o que metas no nariz ou na vea e o demo xa ten aos políticos para darnos polo c...



No comments: