Tuesday, September 23, 2008

O diagnóstico non é o tratamento

A pesar do que nos conta o Dr. House, na maior parte da existencia dun clínico o diagnóstico soe ser a parte menos importante do seu labor. Isto é especialmente certo no eido da psiquiatría, onde o diagnóstico concreto pode ser menos relevante que ter unha idea clara de como afrontar os síntomas máis molestos para o doente.

Un diagnóstico psiquiátrico de especial impacto social é o da adicción a unha substancia. Así, un adicto ao alcol soe atopar dificultades para levarse ben cos seus amigos, trata de garantir un suministo axeitado de licor, descoida atender as súas tarefas e, en xeral, leva unha vida bastante miserábel para el mesmo e os que o rodean.

Con todo, se alguén recibe un diagnóstico de adicción, xa está no camiño da recuperación, a terapia pode ser longa e dura, pero o primeiro paso é recoñecelo.

O anteriormente mencionado ten unha lectura política, unha das tarefas máis importantes dun xefe de estado é evitar problemas para a súa poboación, e se estos aparecen, diagnosticalos e comezar o tratamento.

Na nosa historia recente temos exemplos de bos diagnósticos e malos tratamentos. Basta  con ler os escritos de Gorbachev e a súa Perestroika para darse conta da xenialidade e precisión con que describiu os problemas da extinta URSS, pero todos sabemos como rematou o asunto, sendo este un caso claro de bo diagnóstico e mal tratamento.

Fai dous anos, en Febreiro do 2006, W tivo un intre de xenialidade e fixo un diagnóstico: os EUA son adictos ao petróleo. Os efectos de esta adicción eran, e son, bastante obvios: a estas alturas o único país que aínda apoia incondicionalmente a política exterior USamericana é o Reino Unido, a ONU foi asasinada hai tempo debido á necesidade imperiosa dos EUA de garantir o suministro, o goberno esqueceu as súas tarefas e os especuladores levaron a economía a unha ruína que só os impostos poden tentar salvar, o número de países latinoamericanos molestos ou belixerantes con Washington aumentan, etc.

Pero non hai que ser un xenio para saber que o tratamento pasa por reducir a dependecia enerxética do petróleo a base de investir e investigar alternativas. En realidade estas existen e se o petróleo supón ter que negociar e manter tropas en áreas perigosas do mundo, se cadra o coste compensa o esforzo.

Claro que iso sería o normal, pero facer cousas normais non se estila moito. Así que W decidiu que a solución para o seu diagnóstico é peforar máis en territorio doméstico e en augas territoriais, aínda que para iso faga falla destruír algúns espazos protexidos.

É obvio que W non é un clínico, pero sóame que a solución a unha adicción non soe ser darlle máis drogas ao adicto.



2 comments:

Anonymous said...

Segundo os principios do liberalismo se o adicto ten muito material e non molesta aos do seu arredor non é problema ningún pero W é como un yonki pedindo en Cervantes dentro dun tanque e o rego de sangue xa chega a Obradoiro.

Ignacio said...

De feito segundo os criterios psiquiátricos a idea é a mesma, inda con todos os síntomas para o diagnóstico, se nin o doente nin os seus próximos sinten o trastorno coma un problema, non hai diagnóstico.

Pero si, W é un yonki dos de Cervantes.