Monday, June 2, 2008

BOFH e outras cousiñas

Un determinado posto de traballo implica unha serie de tarefas a desempeñar intrísicamente asociadas ao mesmo. Pero tamén supón facer unha serie de actividades que non están reguladas no contrato e pouco teñen que ver co cargo nominal ocupado. Nas últimas semanas tiven moito de traballo non contractual e pouco contractual. 20071001-pinky brain

Para comezar, a máquina de xelo deixou de funcionar e os técnicos certificaron a súa defunción despois de máis dunha década (ou dúas) de servizo. A máquina de xelo é fundamental nun laboratorio porque permite encher as neveiras portátiles que manteñen frías as bebidas nas barbacoas... e tamén, cando non é fin de semana, hai quen as usa para previr alteracións nos reactivos, mostras sensíbeis á temperatura e outras conachadas.

Total, que a secretaria chegou un bo día polo laboratorio a contarme a triste historia da máquina, o que a min me daba absolutamente igual se non fose porque a muller pediume axuda para buscar outra de reemprazo. Eu pensei que se me ía pagar un 5% do seu soldo non tiña problema en perder o meu precioso tempo mirando en internet, pero en lugar de dicir algunha barbaridade aceptei dado que era algo polo ben común e eu tamén fago barbacoas... digooo emprego reactivos que teñen que manterse fríos.

Total, a señora mándame os seus candidatos ao correo e atopo unha colección de fontes expendedoras de refresco cunha boca pola que sae xelo. Non digo eu que non ía ser un punto ir buscar xelo e voltar cunha cocacola, pero como oficialmente non se pode nin beber nin comer no labo de pouco nos ía sacar.

Vendo que do seu traballo pouco ía sacar eu, marchei a visitar a antiga máquina e tomar nota da marca. Mediante o santo google atopei a páxina web do fabricante. O noso modelo deixárase de fabricar pero algo había que cumplía as nosas necesidades, iso si, por un prezo 3500$. Mándolle o mail co meu descubrimento á secretaria e tamén ao director científico para que quede claro quen está a facer o traballo e espero.

No correo de volta pídenme que atope algo por menos de 2000$, iso si, da mesma marca e coas mesmas características. Vou ao modelo máis básico e consigo atopar unha páxina onde o venden por 3000$, mando un correo dicindo que é o que hai, que se queren algo máis barato haberá que ir a outras marcas.

A secretaria suxire que mire en páxina de Fisher Scientific, que como traballan con universidades seguro que nos fan desconto. Fisher é unha casa de putas, e eu xa o sei, como saben que estás en ciencia cóbranche unha pasta polas cousas máis parvas, pero se ela se emperra eu non lle vou quitar o pracer.

Evidentemente, Fisher pide polo mesmo modelo só 6000$, e estou seguro de que están dispostos a facer un desconto do 40%, pero aínda así segue a ser máis caro. Mándolle un correo de volta á secretaria e ao xefe, deixando claro que por min poden chamar a Fisher.

Noutra orde de cousas, a semana pasada tiña que comezar un novo experimento cos ratos. Básicamente trátase de poñelos nun laberinto en forma de + onde un dos brazos está aberto e o outro pechado con paredes. Como os ratos non lles vai iso das pasarelas, prefiren pasar máis tempo no pechado. O tema é que como tamén son curiosos non poden evitar botarlle unha ollada de cando en cando ao brazo aberto para ver se hai algo interesante por eses lares. Claro que se o rato está estresado permanecerá a maior parte do tempo no brazo pechado e pasará de aventuras.

2067d-1-thumb

Para saber o que fai o rato podes mirar e apuntar cun cronómetro ou pagar a un computador para que o faga, e esa opción é a que temos. O que pasa é que no meu laboratorio a xente non ten moi claro iso de que hai computadores para xogar e que hai computadores para traballar. Así que decidiron que cando ninguén estaba usando o labirinto era unha boa idea empregar o computador para enchelo de virus e así facer máis emocionante a miña vida.

Total que me tirei catro días a voltas co chisme porque como perderon os discos de instalación do programa de monoitorización de ratos, non se pode formatear e xa. Hai que lidiar cunha copia de seguridade que ten como 90 virus, porque, nenos e nenas, as copias de seguridade deben facerse cando un ten problemas, non antes que se non a vida perde diversión.

Ao final sobrevivín, e o computador case funciona. Esta é a pinta que tiña o meu banco de traballo durante eses días.

Blog 2008 026

Por certo, adiviñade cal destes era o computador que non funcionaba...

IMG_0850

6 comments:

Jen said...

último capítulo de IT,
a desorde é digna da mesa de Moss (mais el nunca tería esa bandeiriña e si algún outro adubío),
nin idea de cal non funciona(e xa si perfectamente?)
ningún me ten cara de convalecente ou de que lle acaban de quitar virus en cantidade...semellan contentos.
-o dellinho fixo que non tivo percance alghún

elunicopiny said...

opa meu!

Vexoche algo estresado, un consello, ainda que pode que sexa tipical spanish: "Nada en exceso, rema con mesura".

Moito ánimo.

PD, eu aposto polo ordenador do fondo a esquerda da imaxe, o que ten en pantalla unha serie de ... non me da para tanto a vista.

Anonymous said...

bea apunta..."o que está apagao"

Ignacio said...

Da bandeira nin me percatara, como aquí anda por todos lados ao final deixas de vela. Conste que é unha bandeira magnética que serve de guía cando un ten que ler moitas liñas para non confundiar unhas con outras...

O computador que non funciona é o que está apagado, o seu virulento disco duro póde verse á esquerda do Dell.

Por sorte estresado non estou, porque mentres fago traballo non contractual, ou outro ten que esperar. Fastídiame perder o tempo por culpa doutros, iso si.

Saudiñas!

AnnaRaven said...

Rita tivo que xogar a preparar unha conferencia coa secretaria, sen ver un duro. Non foi agradable de presenciar e non cobrou pola organización...
Ah... a vida do investigador!

Anonymous said...

Your blog keeps getting better and better! Your older articles are not as good as newer ones you have a lot more creativity and originality now keep it up!