Monday, February 14, 2011

The last circus

Así é como se titula o filme de Álex de la Iglesia no mercado internacional. Non son un gran fan do cine español, así etiquetado en xeral, e menos aínda das películas que teñen a guerra civil como trasfondo. Pero con todo, sóenme interesar as historias deste director e vendo o tráiler quedei con ganas de vela.

Estou todo ao tanto que se pode estar da chamada Lei Sinde (en defensa do cine USA) e da postura de Álex de la Iglesia ao respecto. Co cal decidín ver se o filme estaba dispoñíbel por algún dos medios legais que teño á miña disposición, nomeadamente: netflix. Este é o resultado da miña busca:

Netflix non sabe cando poderei ver o filme
Nada de nada.

Cómpre salientar que tampouco podo vela no cinema, o cal é raro porque no meu cine local teñen unha boa selección de cinema internacional. Con isto, a solución sería descarregala de internet buscando no sitio axeitado.  Así, ningún dos elementos implicados na creación desta obra percibiría cartos. Moi xusto.

Fágome caso de que a miña situación non é a máis común. De feito, dos filmes nominados pola mellor dirección, só Buried está dipoñíbel por estes lares en DVD. E por suposto, trátase dunha produción rodada en inglés.

O entón director da academia do cine dixo no seu discurso que en internet está a súa salvación, a ver se é certo e se poñen. E xa postos, que non fagan unha chapuza limitada por países...

Wednesday, February 2, 2011

Snowpocalypse Now!

Ben, hoxe toca ficar na casa porque as condicións metereolóxicas son potencialmente mortais (sic). Vaia, que hai neve por todos lados, vai frío (non moito) e vento (bastante).

Mal intre para preder lume
De feito as clases na universidade están canceladas desde onte ás tres da tarde e até maña ás 10am. O curioso do tema é que moitas tendas están pechadas. Eu sempre pensei que os espírito pioneiro e capitalista yanki daba para abrir as tendas na pior das situacións, pero seica non é o caso. Se cadra é un síntoma máis da fin da hexemonía dos EUA...

Alguén se esqueceu de pechar ben a porta
Por certo, é curioso notar que o meu anterior post foi en agosto... Moito cambiaron as cousas desde entón. Para comezar, o choio tenme moito máis ocupado e o tempo de lecer que me queda non o adico ao blog (como é obvio). Aínda que iso non quere dicir que me esquecera dos meu, poucos e selectos, lectores.
A neve está a altura do banco onde estou sentado

Total, que postos a non contar nada, vou poñer unhas fotos da volta que demos ao redor da casa e polo parque do lado.

Normalmente é posíbel pasar por aí en carro
Deanna demostra que hai neve e vento
Case como na praia
 E lembrade, non comades da neve amarela!


Monday, August 30, 2010

Ignacio Santos Cidrás é como John Wayne

Á maior parte dos seres humanos o primeiro nome que aparece no título non lles debe dicir moito, a min tampouco até que reparei por accidente nesta reportaxe da BBC.

Resulta que o señor Santos Cidrás foi escollido por Frijol para transformar o Xacobeo 2010 no Festival Internacional de Benicàssim, que seica codirixe ou coorganiza desde o 2002. A esa experiencia se lle engade o voluminoso título de licenciado en "Psicoloxía Social e do Traballo" pola nosa USC. Ninguén lle debeu explicar que a licenciatura era en "psicoloxía", e que o de "social e do traballo" era un itinerario curricular, pero para organizar xacobeos non fai falla saber exactamente o que estudou un.

E seica para organizar xacobeos abonda con falar inglés como o fai John Wayne nas pelis de TVE, que xa a boa xente da BBC ocúpase de traducir ao inglés raro ese que falan os ingleses e que non soa coma se un fose de Valladolid.

Por outra banda, un pouco máis adiante, no mesmo vídeo vemos a María Eiras, da oficina de atención aos peregrinos, posto para o cal o de falar inghlés como John Wyane xa non é suficiente.

Non sei, pero coa pouca información da que dispoño agora mesmo, se tivese que encargarlle a un destes dous a proxección internacional do xacobeo, creo que María tería máis posiblidades que Ignacio. Pero supoño que Mr. Bean terá moita máis razóns para poñer a quen puxo, e pouco terán que ver cos traballos realizados con anterioridade por Ignacio para a Comunidade de Madrid e de Valencia.

Tuesday, June 8, 2010

Como se di percebe en inglés?

Hai xente con traballos que non o son, un deles é Jeremy Clarkson. O inglés decidiu saír da illa e ir coñecer aos viciños armado cun Jaguar E-Type, que neste episodio semella funcionar sen problemas. Despois de pasar algún tempo na Franza e se cadra en Bélxica, o inglés foi coñecer Ejpaña.

Como resultado da experiencia, o presentador creou un persoal retrato non apto para persoas sensíbeis. Se pensas que Top Gear é un programa de infomación obxectiva, mellor non vexas os seguintes vídeos.

Para o resto:

Saturday, May 29, 2010

Xornalismo endrogao

En días coma o de hoxe, unha parada pola sección de ensaios fotográficos de Foreing Policy pode ser algo traumática.

Disfrutade:

Flash

http://www.foreignpolicy.com/articles/2010/05/28/the_magnificent_migrants

Sunday, May 23, 2010

Hamburguesas e metal, non pode ir mal

Cómpre ser bastante céptico cando un sitio proclama ter as mellores hamburguesas de Chicago. Pero cando estas teñen nomes como Iron Maiden, Motörhead ou Black Sabbath, a cousa comeza a soar prometedora. Se a iso lle engadimos música acorde cos nomes das haburguesas e billa de Jack Daniels, coma se fose unha cervexa máis, pouco falla para que a experiencia sexa perfecta. Ben, de feito o que falla é que as citadas hamburguesas sexan tan boas como proclaman ser, pero a experiencia xa paga por si soa.

KumasStreetShotSP

O bar está na pranta baixa deste fermoso edificio e é relativamente pequeno, na parte traseira ten un patio o cal incrementa o espazo dispoñíbel. Aínda así, hai que ter paciencia porque é normal agardar antes de ter unha mesa, e despois hai que agardar pola comida, son lentos servindo.

Aínda así, é posíbel entreterse explorando a decoración e escoitando a música. Se ademais un tivo a precaución de ir ben acompañado, a espera non se fará longa.

goblin cock

Kuma's good inside view

No menú hai opcións sinxelas como a Kuma Burger (queixo e ovo), ou pratos moito máis elaborados como a Lair of the Minotaur (Cebolas caramelizadas, bacon italiano, brie e peras cociñadas en bourbon), eu persoalmente fun pola Motörhead (queixo de ovella, olivas, ourego, cebola, tomate e Tzatziki '-mollo grego'-) que ghasta estas pintas:

motorhead

E tras degustala, podo dicir con certeza que son as mellores hamburguesas de Chicago. Se algún día teño visita (ehem!), esta será unha das paradas, teñen versión vexetariana e só hai que facer 16km en bici para chegar (son outros 16km de volta, claro).

Lady&Burger

Ah, e por se tedes dúbidas, este é un sitio con estilo, non pode entrar calquera.

IMG00004

Non, o local non ten porta traseira.

Sunday, May 16, 2010

America, fuck yeah!

Paseando polos intertubos atopeime cunha desas xoias que un precisa de ver e escoitar para aprezalas na súa xusta medida.

Isto que vos ensino ten de todo: a constitución dos USA, simboloxía militar, espingardas, referencias á inmigración ilegal, corrupción, a guerra no Vietname, etc. Todo ben presentado por un cowboy cun asentaso de Alabama que non pode con el.

E por certo, non é brincadeira.

Non sei nada dous outros candidatos, pero moito teñen que mellorar para gañar a este cowboy.