Showing posts with label serendipity. Show all posts
Showing posts with label serendipity. Show all posts

Wednesday, May 2, 2007

A todo isto!

Un pode chegar a preguntarse, eu tendo a facelo bastante: que demonios estou facendo aqui? Ademais das implicacións pseudometafísicas da cuestión, en resposta a isto, unha das miñas actividades aquí é investigar.

Polo pronto, o meu traballo consiste en probas condutuais en ratos mutantes e non muntantes (wild type). E iso foi o que fixen hoxe.

Os ratos foron expostos a un son agudo previo a unha descarga eléctrica os ensaios suficientes como para amosar respostas de medo ante a presentación do son. Cando cheguei esta parte xa estaba feita, na seguinte fase os ratos son expostos ao son sen descarga durante cinco minutos. Ao sacar un rato para meter o seguinte sempre hai que limpar as cagadas que deixou como consecuencia do medo.

De feito, aínda que medimos o tempo que pasan paralizados para avaliar o medo, penso que poderíamos facelo contando cagadas. Por outra banda non sei se os meus xefes estarán polo labor de presentar un artigo titulado "Shitting a lot: a new approach in behavioral fear studies".

Nesas estaba cando tiven diante de min un deses ratos mutantes na caixa, antes de comezar a sesión experimental. Mentres o meu compañeiro lidiaba co programa de rexistro, que faia unha vez cada cinco, estiven a xogar co rato.

Descoñezo a razón, en verdade son todos bastante iguais e dubido moito que este tivese algo especial, pero algo fixo que lle prestase esta atención metodolóxicamente anómala.

É dicir, aclaro que emprego luvas para manipulalos, paseille o dedo por enriba do lombo e movino diante do seu nariz, iso debeu ser por 90 segundos.

Cando, despois dos cinco minutos de son agudo, voltamos entrar o meu compañeiro sinalou que curiosamente este rato non deixara ningún agasallo para nós "It's a brave mouse". Vaia, na caixa non había ningunha mini bosta que eliminar.

Deste accidente pódense sacar moitas conclusións, cédovolas.