Tuesday, December 17, 2013

As outras linguas son irrelevantes

O curioso desta historia é que algo que para min é obvio, resulta absolutamente absurdo ou sinxelamente é irrelevante para unha gran parte da poboación do reino de España. Entre as cales se atopa a cónsul en Chicago.

Vaia por diante que as poucas veces que fun ao consulado o trato foi axeitado e a competencia dos que alí traballan foi salientábel. Por outra banda, fóra diso o trato que teño coa oficina consular é nulo. Onte chegou un email do consulado desexándome bo natal e a verdade é que normalmente tería rematado no lixo virtual se non fose por un detalle. Mirade o correo en cuestión:



Está mirado? Ben. Notades algo raro? Resulta que o cartón de Natal electrónico está en español, o cal é unha opción obvia, e tamén en inglés, que tamén é lóxico dada a localización. Ou pouco máis raro é que tamén estea en francés, ruso, chinés e árabe. Entendo que a idea é ser internacionais o cal desde logo eu non vou criticar porque é boa cousa. O meu problema xurde coas ausencias, as do catalán, o basco e o galego. Supoño que será porque non son linguas españolas...

Feliz Natal!

Monday, June 4, 2012

Cousas que un debe facer cando visita os EUA: disparar

Unha das preguntas máis habituais que me fai a xente en Galiza cando digo que vivo nos EUA é se xa merquei unha pistola. Deixando a un lado as consideracións morais, o certo é que ter unha arma en Chicago é bastante complexo. Na cidade a posesión de pistolas era ilegal até hai moi pouco (cando a corte suprema decretou a lei anticonstitucional) e incluso agora a posesión de armas está extremadamente regulada. En esencia, ademais de ter que rexistrarse coa policía, as armas só poden terse na casa (por exemplo: o garaxe e o alpendre non se consideran parte da casa para efectos da lei), e deben transportarse desmontadas. Por se isto non fose abondo, as tendas de armas son ilegais na cidade de Chicago.



Afortunadamente, existen lugares máis civilizados como Cincinnati (Ohío) onde este tipo de consideración son innecesarias e un pode adicarse a ese fermoso pasatempo que é dispararlle a cousas sen que medien gobernos entrometidos. Así que aproveitando a fin de semana, aí fumos a ver cal é o atractivo do asunto. Como son un home sensíbel, escollín para comezar un clásico cun calibre razoábel, unha Ruger MKIII cal. 22. E como non todo o mundo é coma min, un dos nosos amigos escolleu a nada sensíbel Glock 21. Moi semellante á polivalente Glock 17 en deseño, pero como os 9mm quédanlle pequenos ao redneck medio, os austríacos foron moi listos e sacaron para o mercado americano unha versión 45 ACP... unha semiautomática como deus manda, vaia.

A sensibilidade e a delicadeza feitas pistola: Ruger MKIII
Porque o tamaño (das balas) importa: Glock 21

A pesar do pouco aprezo que lle teñen en Ohío ao nanny state, un ten que seguir unha serie de regras básicas na galería de tiro, a miña norma favorita é sempre tratar unha pistola coma se estivese cargada. Semella que os Borbóns prefiren ignorar esta regra, o cal serve para dar de comer á prensa do corazón e aos historiadores.

Eu sendo sensíbel coa Ruger
Calquera que teña disparado unha espingarda de balíns pode comprender en que consiste o de dispararlle a brancos a diferentes distancias. A MKIII definitivamente ten moito disto en canto a peso e comportamento, até o punto de que a miña pontaría foi bastante boa e a sensación foi de estar a disparar nunha feira. A maior diferenza cunha feira era a Glock 21 no posto do lado que facía un ruído da ostía (mellor descrición posíbel). Pasar da Ruger á Glock foi como pasar de facerlle agarimos a un gatiño a espertar un león dándolle unha patada nos collóns. Facer dous tiros seguidos sen voltar a ter que apuntar é imposíbel, con independencia de canto te amarres á pistola. Desde logo, aqueles que buscan sensación de poder ao disparar unha pistola, deben decantarse pola Glock.

A miña sensibilidade foi ao carallo tras disparar coa Glock
O meco de papel está moi morto despois da miña falla de sensibilidade

Así que xa sabedes, se queredes matar follas de papel (tamén as hai con tipos ameazantes ou zombies), visitade Cincinnati porque disto en Chicago non hai.


Thursday, February 2, 2012

O que o ministro de Educación non dixo

Pois o que non dixo foi isto:


"El ministro de Educación, Cultura y Deporte, José Ignacio Wert, ha anunciado este jueves que desarrollará "medidas de puesta en valor de la educación, y ayudas de acción y promoción cultural en el mundo de la educación". Para todo ello, se comprometió a convocar la Comisión Consultiva Nacional de Asuntos Educativos, y ha añadido que el Ministerio "participará activamente en las iniciativas nacionales e internacionales" que se emprendan para considerar a la educación "patrimonio inmaterial"."



En época de crise hai que ter as prioridades claras, home!

Sunday, November 20, 2011

Confirmado


Por se alguén tiña algunha dúbida, Mariano Rajoy vai ser o próximo presidente do goberno. Entre unha chea de declaracións de boa vontade e referencias á grandeza de España, mencionou que quere ser presidente de todos os españois. A verdade é que esa é unha declaración que me preocupa por parte dalguén que foi un gran estudante de dereito, ao fin, para ser o presidente de todos os españois, España tería que ser unha república.

Este debe ser o detalle máis irrelevante de todo o discurso, pero prefiro un presidente do goberno que se debe aos seus votantes a un que se debe a algo tan difuso como todos os españois.

Thursday, September 29, 2011

A importancia da sincronía

Para variar, vou falar un pouquiño de algo que nos afecta a todos: o desfase horario entre a hora solar e a hora peninsular.

Primeiro ollade este mapa, tede en conta que a cor verde indica que o Sol acada o punto máis alto antes de medio día e o vermello despois. Unha zona cun verde intenso terá un mencer temperán e un solpor temperán e, deste xeito, unha zona cun vermello intenso terá un mencer tardío e un sopor tardío.


É sinxelo reparar que Galiza é bastante vemella, hai sitios peores, iso si. Tamén é obvio que os portugueses o levan un pouco mellor cá nós.

O tema podería parecer absolutamente arbitrario e até irrelevante se non fose porque os seres humanos son entes biolóxicos e os ciclos de luz e escuridade son algo esencial para o funcionamento ótimo do noso corpo.

Sen liarme demasiado, na base do cerebro hai un reloxo mestre que regula os rítmos circadianos de todo o organismo. Este reloxo denomínase Núcleo Supraquiasmático, e é tan importante que recibe a súa propia información visual independentemente da que viaxa ao córtex visual.

Fonte: http://en.wikipedia.org/wiki/Suprachiasmatic_nucleus

Os seres humanos evoluíron como animais diurnos, e o noso corpo está preparado para realizar actividades físicas durante os períodos de luz e ir durmir, en si mesma unha actividade fundamental e tan complexa como a vixilia, nos períodos de escuridade.

As consecuencias de desaxustar o reloxo dependen da gravidade do desaxuste, pero en xeral soen levar a un acurtamento da esperanza de vida e supoñen un factor de risco para doenzas metabólicas (como a diabetes) e trastornos mentais.

O fuso ou fusos horarios nos que se atopa un país son decididos de xeito político, por eso o mapa amosa desfases, pero o ideal é que a hora solar se aproxime á hora oficial. Un cambio neste senso levaría de xeito inmediato a unha mellora da calidade de vida dos habitantes.

Por outra banda, existen múltiples exemplos de países con múltiples fusos horarios (USA e Rusia, por exemplo) e iso non supón un grave problema para os seus habitantes. Homoxeneizar a toda a poboación nun único fuso horario, por motivos políticos, é un erro, un erro biolóxico.

Thursday, September 22, 2011

Mariano Rajoy, patriota galego!

Oes, eu escoitara algo de que o Rajoy tiña que saír do armario, pero nunca pensei que se referisen a isto:


Mariano é independentista!!!

Seica os publicistas pensaron que o vídeo era demasiado forte para o youtube e agora anda polos pornodominios do megaupload http://www.megaupload.com/?d=QB2MS8P6

Isto é o resultado de combinar a ignorancia co Google Images. Se os publicistas tivesen visto un mapa de Galiza algunha vez na súa vida, non terían escollido o que trae máis cores...

Peaso presidente do goberno ehpañol que vai ser Mariano!

PS agradecemento de NÓS-UP: http://www.nosgaliza.org/principal.php?pag=lernot&id=2139

Monday, April 4, 2011

O retorno dos cosmopaletos

Resulta que esta fin de semana, nunha ruptura da miña rutina experimentadora, pasei por unha libraría. Si, eses sitios con libros... A verdade é que non teño moi claro como funcionan, eu persoalmente vou alí na busca de café barato (e non bebo café), ou de aseos públicos. Seica tamén podes mercar libros, pero como son moito máis baratos en Amazon (.com) eu sinxelamente vou a mirar, coller ideas e ver como visten os hipsters.

Unha das ideas que collín, e merquei en Amazon (.com) unhas horas máis tarde, foi esta:


Non é que teña pensado facerme líder mundial, atopo o sistema democrático demasiado complexo (Bush, Aznar, ZP!?), pero se un futuro presidente pode comprender o libro seguro que eu tamén. A verdade é que saber un pouquiño de física e tecnoloxía debera ser requerido para calquera que aspire a dirixir un goberno. Básicamente porque logo toca lexislar sobre internet, ou saber se un faio catastrófico nunha central xaponesa vai erradicar a especie humana e o que aprendimos na escola no dá nin para entender aos nosos expertos. De feito non dá nin para saber se os nosos expertos son tal.

Por suposto, os aspirantes a líder mundial non concordan comigo e prefiren adicar o seu tempo a aprender idiomas, o cal é unha gran idea. Así Rajoy, ese home que nunca estivo no barco dun presunto narco, seica adica tres hora a semana a aprender inglés e así poder falar con Obama. Imos deixar a un lado o feito de que as principais relacións económicas do Pequeno Imperio deben de ser con Franza, Portugal e Alemaña. Ao fin, Rajoy falará francés como as vacas, xa que é o nivel que ensinaban cando el estudou. Sabemos que, dado o seu dominio do galego, o portugués sáelle como se fose nado en Reykyavík. E, probálmente, o alemán conta con demasiadas declinacións como para molestarse.

Cómpre lembrar neste punto que os cosmopaletos menores do reino (o señor conselleiro de cultura e o señor conselleiro de educación da autoanemia galega) levan un tempo coa teima do inglés. Supoño que Rajoy decidiu aclarar quen manda neste choio e amosarse como cosmopaleto maior. Ten o precedente do presidente Ansar (denominación internacional), que chegou a ter suficiente nivel de inglés para dar clases en Georgetown e ir dicir cousas como que ningún musulmán lle pedira desculpas por invadir España. E non falaba dos inmigrantes en pateras, falaba do século VIII. Creo que os xesuitas aínda se preguntan se deberan pedir control de alcolemia antes de permitir impartir aulas.

Supoño que Rajoy non aspira a falar de xeopolítica con Obama, básicamente porque igual acaba en guerra cos USA e xa sabemos como rematou a primeira... E para dicir "ghelou, ghau ar iu", as tres horas á semana vanlle vir sobradas. Iso si, se a cousa se lle dá ben, na miña visita a libraría atopei un libro que lle vai vir perfecto cando, no canto de falar con Obama, vaia falar cos líderes europeos, que ao fin é o que lle debera preocupar a este bo home. Para ti Rajoy, que sei que che vai gustar:



Thursday, March 24, 2011

Isto pode ser moito

Semella que hai por aí un proxecto en marcha para facer unha versión de AKIRA con actores "reais" (yankis).



Neste artigo (http://www.racebending.com/v4/blog/akira-adaptation-courts-white-actors/) falan dos candidatos para Kaneda e Tetsuo. Efectivamente, en Hollywood non hai adolescentes xaponeses disponíbeis así que están mirando outras opción moito máis orixinais (WASPs, por suposto).

No mesmo artigo hai unha parodia en debuxos animados de como isto pode saír:


Monday, February 14, 2011

The last circus

Así é como se titula o filme de Álex de la Iglesia no mercado internacional. Non son un gran fan do cine español, así etiquetado en xeral, e menos aínda das películas que teñen a guerra civil como trasfondo. Pero con todo, sóenme interesar as historias deste director e vendo o tráiler quedei con ganas de vela.

Estou todo ao tanto que se pode estar da chamada Lei Sinde (en defensa do cine USA) e da postura de Álex de la Iglesia ao respecto. Co cal decidín ver se o filme estaba dispoñíbel por algún dos medios legais que teño á miña disposición, nomeadamente: netflix. Este é o resultado da miña busca:

Netflix non sabe cando poderei ver o filme
Nada de nada.

Cómpre salientar que tampouco podo vela no cinema, o cal é raro porque no meu cine local teñen unha boa selección de cinema internacional. Con isto, a solución sería descarregala de internet buscando no sitio axeitado.  Así, ningún dos elementos implicados na creación desta obra percibiría cartos. Moi xusto.

Fágome caso de que a miña situación non é a máis común. De feito, dos filmes nominados pola mellor dirección, só Buried está dipoñíbel por estes lares en DVD. E por suposto, trátase dunha produción rodada en inglés.

O entón director da academia do cine dixo no seu discurso que en internet está a súa salvación, a ver se é certo e se poñen. E xa postos, que non fagan unha chapuza limitada por países...

Wednesday, February 2, 2011

Snowpocalypse Now!

Ben, hoxe toca ficar na casa porque as condicións metereolóxicas son potencialmente mortais (sic). Vaia, que hai neve por todos lados, vai frío (non moito) e vento (bastante).

Mal intre para preder lume
De feito as clases na universidade están canceladas desde onte ás tres da tarde e até maña ás 10am. O curioso do tema é que moitas tendas están pechadas. Eu sempre pensei que os espírito pioneiro e capitalista yanki daba para abrir as tendas na pior das situacións, pero seica non é o caso. Se cadra é un síntoma máis da fin da hexemonía dos EUA...

Alguén se esqueceu de pechar ben a porta
Por certo, é curioso notar que o meu anterior post foi en agosto... Moito cambiaron as cousas desde entón. Para comezar, o choio tenme moito máis ocupado e o tempo de lecer que me queda non o adico ao blog (como é obvio). Aínda que iso non quere dicir que me esquecera dos meu, poucos e selectos, lectores.
A neve está a altura do banco onde estou sentado

Total, que postos a non contar nada, vou poñer unhas fotos da volta que demos ao redor da casa e polo parque do lado.

Normalmente é posíbel pasar por aí en carro
Deanna demostra que hai neve e vento
Case como na praia
 E lembrade, non comades da neve amarela!


Monday, August 30, 2010

Ignacio Santos Cidrás é como John Wayne

Á maior parte dos seres humanos o primeiro nome que aparece no título non lles debe dicir moito, a min tampouco até que reparei por accidente nesta reportaxe da BBC.

Resulta que o señor Santos Cidrás foi escollido por Frijol para transformar o Xacobeo 2010 no Festival Internacional de Benicàssim, que seica codirixe ou coorganiza desde o 2002. A esa experiencia se lle engade o voluminoso título de licenciado en "Psicoloxía Social e do Traballo" pola nosa USC. Ninguén lle debeu explicar que a licenciatura era en "psicoloxía", e que o de "social e do traballo" era un itinerario curricular, pero para organizar xacobeos non fai falla saber exactamente o que estudou un.

E seica para organizar xacobeos abonda con falar inglés como o fai John Wayne nas pelis de TVE, que xa a boa xente da BBC ocúpase de traducir ao inglés raro ese que falan os ingleses e que non soa coma se un fose de Valladolid.

Por outra banda, un pouco máis adiante, no mesmo vídeo vemos a María Eiras, da oficina de atención aos peregrinos, posto para o cal o de falar inghlés como John Wyane xa non é suficiente.

Non sei, pero coa pouca información da que dispoño agora mesmo, se tivese que encargarlle a un destes dous a proxección internacional do xacobeo, creo que María tería máis posiblidades que Ignacio. Pero supoño que Mr. Bean terá moita máis razóns para poñer a quen puxo, e pouco terán que ver cos traballos realizados con anterioridade por Ignacio para a Comunidade de Madrid e de Valencia.

Tuesday, June 8, 2010

Como se di percebe en inglés?

Hai xente con traballos que non o son, un deles é Jeremy Clarkson. O inglés decidiu saír da illa e ir coñecer aos viciños armado cun Jaguar E-Type, que neste episodio semella funcionar sen problemas. Despois de pasar algún tempo na Franza e se cadra en Bélxica, o inglés foi coñecer Ejpaña.

Como resultado da experiencia, o presentador creou un persoal retrato non apto para persoas sensíbeis. Se pensas que Top Gear é un programa de infomación obxectiva, mellor non vexas os seguintes vídeos.

Para o resto:

Saturday, May 29, 2010

Xornalismo endrogao

En días coma o de hoxe, unha parada pola sección de ensaios fotográficos de Foreing Policy pode ser algo traumática.

Disfrutade:

Flash

http://www.foreignpolicy.com/articles/2010/05/28/the_magnificent_migrants

Sunday, May 23, 2010

Hamburguesas e metal, non pode ir mal

Cómpre ser bastante céptico cando un sitio proclama ter as mellores hamburguesas de Chicago. Pero cando estas teñen nomes como Iron Maiden, Motörhead ou Black Sabbath, a cousa comeza a soar prometedora. Se a iso lle engadimos música acorde cos nomes das haburguesas e billa de Jack Daniels, coma se fose unha cervexa máis, pouco falla para que a experiencia sexa perfecta. Ben, de feito o que falla é que as citadas hamburguesas sexan tan boas como proclaman ser, pero a experiencia xa paga por si soa.

KumasStreetShotSP

O bar está na pranta baixa deste fermoso edificio e é relativamente pequeno, na parte traseira ten un patio o cal incrementa o espazo dispoñíbel. Aínda así, hai que ter paciencia porque é normal agardar antes de ter unha mesa, e despois hai que agardar pola comida, son lentos servindo.

Aínda así, é posíbel entreterse explorando a decoración e escoitando a música. Se ademais un tivo a precaución de ir ben acompañado, a espera non se fará longa.

goblin cock

Kuma's good inside view

No menú hai opcións sinxelas como a Kuma Burger (queixo e ovo), ou pratos moito máis elaborados como a Lair of the Minotaur (Cebolas caramelizadas, bacon italiano, brie e peras cociñadas en bourbon), eu persoalmente fun pola Motörhead (queixo de ovella, olivas, ourego, cebola, tomate e Tzatziki '-mollo grego'-) que ghasta estas pintas:

motorhead

E tras degustala, podo dicir con certeza que son as mellores hamburguesas de Chicago. Se algún día teño visita (ehem!), esta será unha das paradas, teñen versión vexetariana e só hai que facer 16km en bici para chegar (son outros 16km de volta, claro).

Lady&Burger

Ah, e por se tedes dúbidas, este é un sitio con estilo, non pode entrar calquera.

IMG00004

Non, o local non ten porta traseira.

Sunday, May 16, 2010

America, fuck yeah!

Paseando polos intertubos atopeime cunha desas xoias que un precisa de ver e escoitar para aprezalas na súa xusta medida.

Isto que vos ensino ten de todo: a constitución dos USA, simboloxía militar, espingardas, referencias á inmigración ilegal, corrupción, a guerra no Vietname, etc. Todo ben presentado por un cowboy cun asentaso de Alabama que non pode con el.

E por certo, non é brincadeira.

Non sei nada dous outros candidatos, pero moito teñen que mellorar para gañar a este cowboy.

Sunday, March 28, 2010

A esquizofrenia de progresión lenta e os prostitutos científicos

Nas clasificacións psiquiátricas empregadas no mundo occidental diferéncianse catro tipos de esquizofrenias: a paranoide, a catatónica, a desorganizada e a indiferenciada. Algunhas clasificacións engaden a esquizofrenia simples e até aí soen chegar os subtipos. Mais na Unión Soviética, os psiquiatras tiñan un subtipo adicional, a chamada esquizofrenia progresiva ou esquizofrenia de progresión lenta (EPL).

Este subtipo só afectaba ao comportamento social da persoa, ficando calquera elemento propio dos desordes psicóticos ignorados na síndrome. A presencia de criterios vagos permitía aplicar este diagnóstico a calquera individuo, e con demasiada frecuencia era aplicado a disidentes co obxectivo de sometelos a internamento afastados da sociedade.

A EPL é un dos moitos exemplos de colaboración entre ciencia e intereses políticos. Orixinalmente foi proposta por Sukhareva (1937), unha psiquiatra infantil, para clasificar algunhas psicoses observadas en nenos. O diagnóstico foi posteriormente adaptado a adultos e, eventualmente, cando as autoridades requeririon dos psiquiatras unha xustificación científica para as súas accións políticas, aplicado para eliminar disidentes da vida pública.



Outro exemplo de prostitución científica, e seguindo coa psiquiatría, viu do noso propio tío Paco, quen atopou médicos dispostos a deformar a súa ciencia para póla ao servizo de intereses ideolóxicos. Antonio Vallejo-Nágera (1880-1960) foi, entre outras moitas cousas, o xefe dos Servizos Psiquiátricos Militares durante a dictadura franquista. O seu obxectivo foi conducir estudos destinados a demostrar a inferioridade dos "rojos" e a súa base orgánica: o "gen rojo".

Entre as súas servís concusións atopamos propostas como a seguinte, na cal clasifica aos marxistas como doentes mentais: "si militan en el marxismo de preferencia psicópatas antisociales, como es nuestra idea, la segregación de estos sujetos desde la infancia, podría liberar a la sociedad de plaga tan terrible"; ou esta destinada a xustificar, científicamente, a dictadura en contraste coa democracia: "La perversidad de los regímenes democráticos favorecedores del resentimiento promociona a los fracasados sociales con políticas públicas, a diferencia de lo que sucede con los regímenes aristocráticos donde sólo triunfan socialmente los mejores". As mulleres non saen moito mellor valoradas cós comunistas nos seus traballos. En realidade o que el fixo foi empregar a súa posición para dar unha estada científica ás pretensións políticas dun rexime totalitario.

A ciencia é parte da sociedade na que se produce e non está por enriba da mesma. Aínda así, son os propios científicos na súa calidade de expertos os que deben manter o seu traballo fóra da esfera dos intereses políticos. Ao fin, un experto fala de algo no que é docto a xente que non o é, e por iso cómpre ofrecer sempre a información científica do xeito máis obxectivo posíbel.

Pero por desgraza, sempre vai haber individuos dispostos a prostituir o seu coñecemento a cambio dunha Secretaría Xeral ou semellante. Ao fin, o único que teñen que facer é ir en contra da evidencia científica e manipular a súa especialidade para xustificar, ad hoc, as decisións políticas. Ou no caso do noso secretario xeral de política lingüística, sinxelamente ignorar a realidade e a si mesmo.

Por exemplo en : "Eu non son sociolingüista agora, dedícome a outras cousas. Eu como sociolingüista (...) ocúpome do que pasa agora." O coitado non sabe nin o que é!

http://www.xornal.com/artigo/2010/03/28/galicia/uns-din-son-nacionalista-na-xunta-outros-quero-exterminar-galego/2010032800272700108.html

Sunday, March 7, 2010

Saturday, March 6, 2010

Nota sobre Alicia

Un estereotipo común nos filmes yankis é que se unha muller é a protaginista da historia, nalgún intre da narración vai precisar o apoio dun home para continuar adiante. Alguén podería dicir que o caso contrario é igualmente común, pero tamén é certo que e moito mais sinxelo atopar herois masculinos independentes que femininos.

Tim Burton semella terse percatado de que unha muller pode ser heroe e feminina sen precisar que a súa febleza se vexa compensada pola presenza dun home.

E sobre a peli: os fans de Burton estarán encantados e os non fans entretidos.



Sunday, February 7, 2010

A voltas co tema do inglés

As malas linguas din que o idioma estranxeiro está no "borrador do decreto para a protección do español na Galiza" como distracción. Vaia, para que non se note o recorte no galego.

Pero eu creo que Feijoo, consciente de que chegou a presidente sen falar nesta lingua porque non foi a colexios de pago (ou se cadra si foi pero non aprendeu igual), viu este vídeo onde se demostra que saber inglés vale para todo.

 
Ou o que é o mesmo, teño exame o venres e non hai tempo para escribir moito.

:)

Sunday, January 24, 2010

Quen quere ter pesadelos hoxeeee?

Unha reportaxe sobre Liberia, ese país produto de xenial política exterior Yanki.

Está en inglés, e pode darlle medo aos nenos e non tan nenos.


http://www.vbs.tv/watch/the-vice-guide-to-travel/the-vice-guide-to-liberia-1-of-8