Sunday, November 20, 2011

Confirmado


Por se alguén tiña algunha dúbida, Mariano Rajoy vai ser o próximo presidente do goberno. Entre unha chea de declaracións de boa vontade e referencias á grandeza de España, mencionou que quere ser presidente de todos os españois. A verdade é que esa é unha declaración que me preocupa por parte dalguén que foi un gran estudante de dereito, ao fin, para ser o presidente de todos os españois, España tería que ser unha república.

Este debe ser o detalle máis irrelevante de todo o discurso, pero prefiro un presidente do goberno que se debe aos seus votantes a un que se debe a algo tan difuso como todos os españois.

Thursday, September 29, 2011

A importancia da sincronía

Para variar, vou falar un pouquiño de algo que nos afecta a todos: o desfase horario entre a hora solar e a hora peninsular.

Primeiro ollade este mapa, tede en conta que a cor verde indica que o Sol acada o punto máis alto antes de medio día e o vermello despois. Unha zona cun verde intenso terá un mencer temperán e un solpor temperán e, deste xeito, unha zona cun vermello intenso terá un mencer tardío e un sopor tardío.


É sinxelo reparar que Galiza é bastante vemella, hai sitios peores, iso si. Tamén é obvio que os portugueses o levan un pouco mellor cá nós.

O tema podería parecer absolutamente arbitrario e até irrelevante se non fose porque os seres humanos son entes biolóxicos e os ciclos de luz e escuridade son algo esencial para o funcionamento ótimo do noso corpo.

Sen liarme demasiado, na base do cerebro hai un reloxo mestre que regula os rítmos circadianos de todo o organismo. Este reloxo denomínase Núcleo Supraquiasmático, e é tan importante que recibe a súa propia información visual independentemente da que viaxa ao córtex visual.

Fonte: http://en.wikipedia.org/wiki/Suprachiasmatic_nucleus

Os seres humanos evoluíron como animais diurnos, e o noso corpo está preparado para realizar actividades físicas durante os períodos de luz e ir durmir, en si mesma unha actividade fundamental e tan complexa como a vixilia, nos períodos de escuridade.

As consecuencias de desaxustar o reloxo dependen da gravidade do desaxuste, pero en xeral soen levar a un acurtamento da esperanza de vida e supoñen un factor de risco para doenzas metabólicas (como a diabetes) e trastornos mentais.

O fuso ou fusos horarios nos que se atopa un país son decididos de xeito político, por eso o mapa amosa desfases, pero o ideal é que a hora solar se aproxime á hora oficial. Un cambio neste senso levaría de xeito inmediato a unha mellora da calidade de vida dos habitantes.

Por outra banda, existen múltiples exemplos de países con múltiples fusos horarios (USA e Rusia, por exemplo) e iso non supón un grave problema para os seus habitantes. Homoxeneizar a toda a poboación nun único fuso horario, por motivos políticos, é un erro, un erro biolóxico.

Thursday, September 22, 2011

Mariano Rajoy, patriota galego!

Oes, eu escoitara algo de que o Rajoy tiña que saír do armario, pero nunca pensei que se referisen a isto:


Mariano é independentista!!!

Seica os publicistas pensaron que o vídeo era demasiado forte para o youtube e agora anda polos pornodominios do megaupload http://www.megaupload.com/?d=QB2MS8P6

Isto é o resultado de combinar a ignorancia co Google Images. Se os publicistas tivesen visto un mapa de Galiza algunha vez na súa vida, non terían escollido o que trae máis cores...

Peaso presidente do goberno ehpañol que vai ser Mariano!

PS agradecemento de NÓS-UP: http://www.nosgaliza.org/principal.php?pag=lernot&id=2139

Monday, April 4, 2011

O retorno dos cosmopaletos

Resulta que esta fin de semana, nunha ruptura da miña rutina experimentadora, pasei por unha libraría. Si, eses sitios con libros... A verdade é que non teño moi claro como funcionan, eu persoalmente vou alí na busca de café barato (e non bebo café), ou de aseos públicos. Seica tamén podes mercar libros, pero como son moito máis baratos en Amazon (.com) eu sinxelamente vou a mirar, coller ideas e ver como visten os hipsters.

Unha das ideas que collín, e merquei en Amazon (.com) unhas horas máis tarde, foi esta:


Non é que teña pensado facerme líder mundial, atopo o sistema democrático demasiado complexo (Bush, Aznar, ZP!?), pero se un futuro presidente pode comprender o libro seguro que eu tamén. A verdade é que saber un pouquiño de física e tecnoloxía debera ser requerido para calquera que aspire a dirixir un goberno. Básicamente porque logo toca lexislar sobre internet, ou saber se un faio catastrófico nunha central xaponesa vai erradicar a especie humana e o que aprendimos na escola no dá nin para entender aos nosos expertos. De feito non dá nin para saber se os nosos expertos son tal.

Por suposto, os aspirantes a líder mundial non concordan comigo e prefiren adicar o seu tempo a aprender idiomas, o cal é unha gran idea. Así Rajoy, ese home que nunca estivo no barco dun presunto narco, seica adica tres hora a semana a aprender inglés e así poder falar con Obama. Imos deixar a un lado o feito de que as principais relacións económicas do Pequeno Imperio deben de ser con Franza, Portugal e Alemaña. Ao fin, Rajoy falará francés como as vacas, xa que é o nivel que ensinaban cando el estudou. Sabemos que, dado o seu dominio do galego, o portugués sáelle como se fose nado en Reykyavík. E, probálmente, o alemán conta con demasiadas declinacións como para molestarse.

Cómpre lembrar neste punto que os cosmopaletos menores do reino (o señor conselleiro de cultura e o señor conselleiro de educación da autoanemia galega) levan un tempo coa teima do inglés. Supoño que Rajoy decidiu aclarar quen manda neste choio e amosarse como cosmopaleto maior. Ten o precedente do presidente Ansar (denominación internacional), que chegou a ter suficiente nivel de inglés para dar clases en Georgetown e ir dicir cousas como que ningún musulmán lle pedira desculpas por invadir España. E non falaba dos inmigrantes en pateras, falaba do século VIII. Creo que os xesuitas aínda se preguntan se deberan pedir control de alcolemia antes de permitir impartir aulas.

Supoño que Rajoy non aspira a falar de xeopolítica con Obama, básicamente porque igual acaba en guerra cos USA e xa sabemos como rematou a primeira... E para dicir "ghelou, ghau ar iu", as tres horas á semana vanlle vir sobradas. Iso si, se a cousa se lle dá ben, na miña visita a libraría atopei un libro que lle vai vir perfecto cando, no canto de falar con Obama, vaia falar cos líderes europeos, que ao fin é o que lle debera preocupar a este bo home. Para ti Rajoy, que sei que che vai gustar:



Thursday, March 24, 2011

Isto pode ser moito

Semella que hai por aí un proxecto en marcha para facer unha versión de AKIRA con actores "reais" (yankis).



Neste artigo (http://www.racebending.com/v4/blog/akira-adaptation-courts-white-actors/) falan dos candidatos para Kaneda e Tetsuo. Efectivamente, en Hollywood non hai adolescentes xaponeses disponíbeis así que están mirando outras opción moito máis orixinais (WASPs, por suposto).

No mesmo artigo hai unha parodia en debuxos animados de como isto pode saír:


Monday, February 14, 2011

The last circus

Así é como se titula o filme de Álex de la Iglesia no mercado internacional. Non son un gran fan do cine español, así etiquetado en xeral, e menos aínda das películas que teñen a guerra civil como trasfondo. Pero con todo, sóenme interesar as historias deste director e vendo o tráiler quedei con ganas de vela.

Estou todo ao tanto que se pode estar da chamada Lei Sinde (en defensa do cine USA) e da postura de Álex de la Iglesia ao respecto. Co cal decidín ver se o filme estaba dispoñíbel por algún dos medios legais que teño á miña disposición, nomeadamente: netflix. Este é o resultado da miña busca:

Netflix non sabe cando poderei ver o filme
Nada de nada.

Cómpre salientar que tampouco podo vela no cinema, o cal é raro porque no meu cine local teñen unha boa selección de cinema internacional. Con isto, a solución sería descarregala de internet buscando no sitio axeitado.  Así, ningún dos elementos implicados na creación desta obra percibiría cartos. Moi xusto.

Fágome caso de que a miña situación non é a máis común. De feito, dos filmes nominados pola mellor dirección, só Buried está dipoñíbel por estes lares en DVD. E por suposto, trátase dunha produción rodada en inglés.

O entón director da academia do cine dixo no seu discurso que en internet está a súa salvación, a ver se é certo e se poñen. E xa postos, que non fagan unha chapuza limitada por países...

Wednesday, February 2, 2011

Snowpocalypse Now!

Ben, hoxe toca ficar na casa porque as condicións metereolóxicas son potencialmente mortais (sic). Vaia, que hai neve por todos lados, vai frío (non moito) e vento (bastante).

Mal intre para preder lume
De feito as clases na universidade están canceladas desde onte ás tres da tarde e até maña ás 10am. O curioso do tema é que moitas tendas están pechadas. Eu sempre pensei que os espírito pioneiro e capitalista yanki daba para abrir as tendas na pior das situacións, pero seica non é o caso. Se cadra é un síntoma máis da fin da hexemonía dos EUA...

Alguén se esqueceu de pechar ben a porta
Por certo, é curioso notar que o meu anterior post foi en agosto... Moito cambiaron as cousas desde entón. Para comezar, o choio tenme moito máis ocupado e o tempo de lecer que me queda non o adico ao blog (como é obvio). Aínda que iso non quere dicir que me esquecera dos meu, poucos e selectos, lectores.
A neve está a altura do banco onde estou sentado

Total, que postos a non contar nada, vou poñer unhas fotos da volta que demos ao redor da casa e polo parque do lado.

Normalmente é posíbel pasar por aí en carro
Deanna demostra que hai neve e vento
Case como na praia
 E lembrade, non comades da neve amarela!