Friday, December 19, 2008

Misterio

Como sabedes polos filmes, é bastante común neste lado do océano ter matrículas personalizadas. Básicamente cando un matricula o carro pode pagar algo máis e escribir básicamente o que lle dea a gana... dentro de certas limitacións.

Normalmente as vanity plates (como se chaman) son bastante estúpidas e non entendo moi ben cal é a graza de ter unha. Pero vaia, a tema é que no meu barrio de cando en cando pode ver este exemplo:



Francamente, ao principio pensei que era a típica praca dalgún lambe-biblias deses que infestan este país. A primeira vista di: "God is #1" ou Deus é o número un... Pero é que tamén pode dicir: "God is no one" ou Deus é ninguén.

Digo eu que postos a ter unha matrícula personalizada, mellor unha que dea algo que pensar ao que conduce detrás de ti.

Tuesday, December 9, 2008

Por certo...

Con isto das internetes e tal non sei se vos enterástedes de que Obama é o presidente electo. Eu teño unha merda foto en Grant Park de cando a xente asumiu que gañara:



E outra tomada semanas despois no quiosco do aeroporto de Midway, camiño de DC, onde o presi electo compite con Xesús (Krixto) en protagonismo. Tendo en conta que escoitei moitos comentarios do tipo: "agora que Obama é o presidente, remataron os meus problemas", queda moi propio.



Espero que cando comece a gobernar se lles pase.. Ou se cadra, agora que detiveron ao gobernador de Illinois por tentar vender o seu posto no senado en ebay, van vendo que non é un mesias.

Monday, December 8, 2008

O Santa-Express

Que os americanos teñen certa paixón innata polo espectáculo é algo que non debe coller a ninguén de novas. Algunha que outra vez quédalles algo burdo, pero outras a verdade é que conseguen facer sorrir.

Máis do segundo que do primiero ten o Santa-Train, porque a Chicago Santa chega en transporte público e para iso a cidade preparou un comboio axeitado.

Antes das imaxes só me queda dicir que a xente, adultos na maioría, semellaban gratamente sorprendidos polo experiencia porque o primeiro que facía era chamar polo celular para dicir que estaban no Santa-Train. Vaia, primeiro sorrían, logo collían caramelos e despois chamaban.













Tamén o interior estaba decorado dun xeito... propio. Desde logo, foi unha viaxe interesante :)






Wednesday, December 3, 2008

A Historia pasa factura



Acabo de ler este artigo que fala de hai cincuenta anos pero tamén de mañá. Semella que entre as prácticas humanitarias do Imperio Británico en Kenya estivo a de torturar terríbelmente ao avó paterno do señor Obama como parte da súa acción contra o movemento independentista Mau Mau:

http://www.guardian.co.uk/world/deadlineusa/2008/dec/03/obama-grandfather-maumau-torture

Espero que o presidente electo tome nota, se ben non buscado represalias contra os británicos (como di o artigo ten problemas máis importantes), se cadra aprendendo que a tortura pode matar aos teus propios soldados:

http://www.washingtonpost.com/wp-dyn/content/article/2008/11/28/AR2008112802242.html


Polo pronto, xa está a facer os deberes:

http://www.huffingtonpost.com/2008/12/03/obama-receiving-more-dail_n_147956.html



Monday, November 3, 2008

Cupcakes (fairy cakes in briton)

A min parecíanme magdalenas das de toda a vida, con asunto por enriba para darlles chiste, pero pouco máis. Non tardei en descubrir a miña equivocación. Os cupcakes non son muffins, son mini tortas para consumo individual. Polo tanto, como podedes deducir a masa é completamente distinta, pero tamén é o que se pode facer con eles.

Así, por exemplo, esta foi a miña torta de cumpreanos:




E esta a que recibín ao pasar o GRE, unha especie de selctividade para (putear) estudantes graduados que fan por estes lares... nótense os detalles sobre o peculiar sistema métrico do imperio, parte do exame, por certo:



Conste que foron preparados con semanas de diferenza, así que non pillei unha enchenta de morrer.

E todo grazas a Deanna, que os preparou, e é que teño unha moza que non a merezo :)



Saturday, October 25, 2008

Ela non o merece

A verdade é que me gustaría non adicarlle tantos post, pero é que a fanática relixiosa que vai con McCain semella estar disposta a amosar a súa ignorancia sen vergoña... algo por outra banda bastante normal nos ignorantes.

Pero fagamos un pouco de historia: McCain xa desatou as iras da comunidade científica cando, no segundo debate presidencial, acusou a Obama de gastar 3 millóns de doláres nun proxector de vídeo para un planetario en Chicago. Resultou que o planetario era o Adler, que nunca recibiron o diñeiro e que os tres millóns era só parte do presuposto que precisan para mercar un novo proxector de estrelas en sustitución do Zeiss Mark VI con 40 anos de antigüidade. A maior parte dos visitantes do Adler son nenos e ter a posibilidade de empregar un proxector híbrido con capacidades de proxección dixitais e ópticas permitiría impresionar aínda máis aos xoves e, se cadra, interesar a algún deles pola ciencia. Ademais, cada vez é máis complicado atoparlle repostos ao venerable Mark VI.



Unha vez aclarado o tema, vaia que McCain dixera unha medio mentira pero iso é o que fan os políticos, chegou o terceiro e último debate presidencial. McCain acusou a Obama exactamente do mesmo, coa única diferenza de que agora Chicago era unha pequena vila...

Pero non é de McCain nin de proxectores do que vai este post, vai do estúpida que é a candidata a vicepresidenta. Por se non o sabedes a criatura recentemente tivo a ben traer outro neno ao mundo, o cal ten síndrome de Down (algo común nunha nai de máis de corenta). Iso fai, por suposto, que ela sexa automáticamente unha experta en necesidades especiais e seica en investigación.

Recentemente tivo a ben soltar esta perla:



Para os que non estades postos no idioma morón, traduzo (non sen certa dificultade):

De calquera xeito, onde rematan os nosos fondos (públicos)? (...) Vós tedes escoitado algo sobre eses proxectos que non fan ningún senso e algunhas veces eses doláres van a proxectos que ofrecen pouco ou ningún beneficio público. Cousas como investigacións en moscas da froita en Paris, Francia. Non estou bromeando!



A aclaración "París, Francia" di moito tanto da que fala como da audiencia. Hai cidades que son máis coñecidas có páis no que se atopan, e creo que París é unha delas. Pero cómpre non distraerse, as moscas da froita non son ningunha tontería. Sen elas, por exemplo, ningún dos tratamentos farmacolóxicos destinados a destruir tumores existiría. Ademais de que as moscas da froita comparten connosco tanto xens como moitos dos mecanismos clave de regulación da expresión xénica; iso permite facer avances nese eido sen ter que andar a empregar humanos para ese menester.

Supoño que Saraha Palin considera que os biólogos moleculares perden o tempo e malgastan cartos traballando con modelos animais non humanos, desgraciadamente, a comunidade científica non está disposta a someter nais a mutacións para observar os efectos destas nos seus fillos, normalmente contádoos en rodaxas... Pero se atopa por aí alguén disposto a matar bebés humanos, ese é o seu tipo de científico.

Claro que se cadra o que deberamos facer deixar de gastar cartos en calquera tipo de investigación, e poñernos a rezar para que o seu deus o arranxe todo.

Sinxelamente estou abraiado de como unha persoa pode ser tan ignorante, cega e pretenciosa... Sobretodo tendo en conta que falamos de alguén que cree nas meigas, na convivencia entre humanos e dinosauros ou en que a Terra foi creada onte.