Monday, March 30, 2009

San Francisco

A pasada fin de semana tocou visitar o norte de California e en concreto San Francisco. Tratarei de ilustrar con fotos algo do que foi pasar por esta cidade. Só con imaxes é complicado partillar convosco o que foi a miña estadía, para ter unha experiencia completa hai que ir. Eu estou por voltar, acéptanse candidatos.

As resminiscencias galegas, nas cores e nas sensacións, foron constantes durante toda a estancia. Se até gamelas atopei!



O primeiro día foi un tanto caótico por chegar tarde e despois do traballo. Pasar de conxelarnos no chairo Chicago a estar cómodos no exterior da icónica orografía de San Franciso foi un shock. Ademais, con iso de que aquí non morren, California está chea de sen-teito (paradoxas do país máis rico do mundo) co cal a nosa impresión foi aínda máis desacougante.

Para eliminar a mala imaxe inicial e dado que de gran cidade xa levamos moito, o segundo día decidimos conducir catro horas pola California profunda para ver unha das reservas naturais máis grandes do país, Yosemite Park. É un deses sitios onde un se pode atopar un urso...

Mentres conducía tiven tempo a notar a semellanza con Galiza, como mínimo nas cores.



E isto é desde a autoestrada. Antes de comezar a subir montañas paramos a coller folgos e as vistas eran aínda máis familiares.



Unha vez en Yosemite, onde ursos come-homes, a paisaxe mantivo as cores galegas, mais a espectacularidade foi puramente norteamericana.











Catro horas de volta, máis sen-teito e listos para o terceiro día e a visita á cidade. Esta vez en serio.

Algo que as fotografías teñen grande dificultade para representar é a inclinación. Hai rúas nesta cidade nas que dá a sensación de que se te apoias nun carro este vai dar unha volta e caer a rolos. Menos mal que conducen carros automáticos, porque non quero imaxinar como pode ser aprender a guiar por aquí.



Fiquei abraiado cos diferentes barrios da cidade e que, a pesares das costas, un pode camiñar dun lugar a outro sen grande dificultade. Entrar no barrio chinés supón realmente menterse nun anaco do gran país que é China. En moitas tendas nin se molestan en rotular en inglés. Noutras, as tendas adicadas a turistas, pódense atopar trangalladas a prezos de risa. E despois, está as tendas onde venden trangalladas a prezos indignos de ser escritos nunha etiqueta.



Se alguén precisa unha mesa-taboleiro de xadrez con tamboretes a xogo que avise...

Continuando co tema galego, San Francisco ten un aquel con Vigo, pero ben organizado. Ter mar axuda moito, e despois de tanto tempo sen miralo non quixen evitar meter, polo menos, os pés.



Pero non fun o único entusiasmado pola visión da auga.



Para o derradeiro día quedou visitar o Golden Gate e percorrer algunhas das amplas zonas verdes da cidade. Moitas son algo máis que parques, xa que se perden nas montañas lonxe da cidade. A posibilidade de cambiar da urbanización ao monte é algo que se vota en falla en Chicago.



No barrio dos hippies, entre tendas de roupa de segunda man e artiluxios para fumetas, atopei unha tenda de música descomunal. Verdadeiramente tiñan de todo, e se non mirade:



Desde logo, non será por saber clasificar. Xuro que a etiqueta non a escribín eu para a foto.

E logo, regreso á gran cidade.

San Francisco é desde logo unha cidade para visitar con máis calma. Ou incluso para vivir.



Friday, March 27, 2009

Thursday, March 5, 2009

Sunday, March 1, 2009

Eleccións na Galiza

O pobo falou, os votantes escolleron ao seu candidato preferido de entre as opcións. Podemos ver un exemplo do proceso neste ilustrativo vídeo:



Xa sei que na Galiza houbo tres candidatos, pero atendendo aos medios semella que só estaban o PP e o PSOE. De todos xeitos a Quintana xa lle chega co que lle tocou.

Saturday, February 28, 2009

Conversas do tren

Unha das vantaxes de coller o transporte público é que de cando en cando tócache compartir comboio con algún tarado, e de cando en cando son simpáticos ou entretidos.

Aclaro que os tipos raros son máis habituais nas fin de semana, a horas intempestivas e en certas liñas. Durante a semana deben estar agochados onde sexa que vivan deixando á xente normal empregar o tren de xeito aburrido.

Ao que ía, que estaba eu con Deanna montado na liña vermella ás 11:00am e tiñamos diante a unha muller e a un home de mediana idade falando a un metro de nós. Chamoume a atención que a tipa falaba co outro mentres escoitaba música cos cascos, pero iso non é ilegal até onde eu chego.

Nalgún punto a conversa levou a canto tempo levaban sen consumir drogas grazas á axuda de deus... O tipo levaba uns anos e a outra cento e pico días. Tamén comentaron de como cando caían inconscientes pola intoxicación sentían como o diaño tentaba roubar as súas almas.

Levaban un rato falando das súas experiencias e de como deus e a Biblia os estaban a axudar cando o rapaz sentado xusto detrás deles interrumpiu a conversa. Semellaba un xoven normal e pensei que ía pedirlles que deixasen de falar de drogas coma se estivesen a falar da lista da compra, pero non. O que fixo foi ingadirse á conversa dicindo que el tamén fora un adicto até hai un ano cando descubriu papás no ceo e cousas así que o sacaron do vicio...



Todos parecían moi contentos de ter pasado de usar drogas a ter unha superstición, parece un bo cambio pero cómpre pensar que ambas supoñen aceptar un locus de control externo para a propia conduta. Un adicto pensa: "asalto a xente na rúa porque teño mono", e un fanático pensa: "estou limpo porque se non o papá do ceo vaime mandar ao inferno". O locus de control externo fai que un non se sinta responsábel do que fai, xa que o fai por motivos distintos a un mesmo e iso incrementa as súas posibilidades de recaída.

En fin, que estaba todos falando das súas aventuras cando o maior de todos suxeriulle ao recén chegado á conversa que lese Salmos 20 para celebrar a súa victoria sobre a droga. O outro preguntou cal fora o evanxelista que escribira iso e, obviamente, o outro aclaroulle que era unha pasaxe do Antigo Testamento. Digou eu que se te consideras seguidor dun deus que só ten un libro o mínimo é coñecelo.

Comezaba a ter eu ganas de entrar na conversa pero Deanna decidiu que xa era demasiado e cambiamos a outro vagón.

Francamente, se alguén se mete nas drogas, o mínimo que pode facer é aceptar que o fixo porque quixo, non porque o demo o tentou ou por ter amigos rusos aficionados á esmorga. E se un se fai adicto e logo o deixa, xa que conseguiu algo bastante difícil, polo menos debera atribuírse tanto o mérito como a responsabilidade de manterse nese estado. Porque a deus dálle exactamente igual o que metas no nariz ou na vea e o demo xa ten aos políticos para darnos polo c...



Wednesday, February 25, 2009

Obama é o anticristo e-ou Hitler!!!

Monday, February 2, 2009

O Ministerio de Ciencia e Innovación decide poñer o carro antes cós bois

Precisamente hoxe que teño moitas cousas que facer o goberno de España decide facer o ridículo entre a comunidade científica internacional.

Calquera que estea a desenvolver a súa carreira investigadora no Imperio Pequeno sabe que os recursos para a ciencia son escasos e as trabas burocráticas crecen como malas herbas. Aínda así, o Ministerio de Ciencia e Innovación decide facer honra ao seu segundo nome e poñerse a innovar.

Todo comezou cando cheguei a penúltima páxina desta descoñecida publicación:



Non, non vou falar dos artigos publicados o 23 de Xaneiro nunha das revistas científicas máis importantes. Vou falar do que pasou cando cheguei á penúltima páxina e atopei, a toda cor, un insulto á intelixencia en forma disto:



Seica os científicos españois voan en business ou algo así!

En realidade eu os entendo, o panorama científico é tan desolador que é mellor tentar inventar a realidade que tentar cambiala. Para o cal, hai que gastar os cartos nun anuncio e non destinalos a pagar laboratorios. Ou polo menos, é moito más barato.

Segundo a propaganda do Ministerio do Amor, digo de Ciencia, somos novenos en producción científica e
os segundos en crecemento do presuposto para investigación. Pero este anuncio non foi publicado en EL PAIS, ou nalgún outro pasquín para progres madrileños, onde ese tipo de cifras acéptanse sen crítica. O lector medio de Science probálmente sabe a cantidade de premios internacionais que rebiu a ciencia feita en España (que non por españois). Tamén sabe que a taxa de crecemento dun presuposto pode ser moi alta, especialmente se esta está moi baixa (Lei de Valores Iniciais).

Pero xa postos a mirar clasificacións e compararnos co resto do mundo, no lugar das cifras trucadas do Ministerio, ollemos cara o que pubicou a OCDE no ano 2008:

No ano 2007, a porcentaxe do GDP (Producto Interior Bruto) español investida en R&D (Investigación e Desenvolvemento) sitúa a España de primeira!

Ou non, para ser primeira tería que bombardear, por orde, os seguinte países: Suecia, Finlandia, Xapón, Corea (do Sur, supoño), Suiza, Islandia (estes deben estar baixos agora), Estados Unidos, Alemania, Austria, Dinamarca, Franza, Canadá, Bélxica, Reino Unido, Australia, Holanda, República Checa, Noruega, Luxemburgo e Irlanda. Ficarían a salvo da furia destructora española: Nova Zelanda, Italia, Hungría, Portugal, Turquía, Grecia, Polonia, México e a República Eslovaca. Por presuposto, o Imperio Pequeno sitúase no posto 21 da investigación mundial.

No tocante á producción científica, supoño que falan de artigos publicados, pero como coñezo ese costume que hai en España de publicar en revistas cun impacto ínfimo editadas polo amigo de toda a vida, imos ollar onde se sitúa España no número de patentes por milleiro de habitantes (do ano 2005). A ver, toca cargarse: Xapón, Suiza, Suecia, Alemaña, Holanda, Corea, Estados Unidos, Finlandia, Luxemburgo, Dinamarca, Austria, Franza, Bélxica, Reino Unido, Noruega, Canadá, Islandia, Australia, Nova Zelanda, Irlanda e Italia. Pero, ficamos diante de: Hungría, República Checa e Portugal.

Para a próxima vez que o ministerio decida tirar cos cartos, eu recomendo evitar dar número e posicións, porque poden ser discutidos e contrastados. Cómpre centrarse na superioridade espiritual de España, que aí non nos gaña nin dios... Vale ese si, pero aínda estamos de segundos.

Falo de algo así:



Ah, téñase que en conta que os datos publicados non inclúen a China... E que os países onde de verdade se fai boa ciencia non precisan poñer anuncios.