Tuesday, December 17, 2013

As outras linguas son irrelevantes

O curioso desta historia é que algo que para min é obvio, resulta absolutamente absurdo ou sinxelamente é irrelevante para unha gran parte da poboación do reino de España. Entre as cales se atopa a cónsul en Chicago.

Vaia por diante que as poucas veces que fun ao consulado o trato foi axeitado e a competencia dos que alí traballan foi salientábel. Por outra banda, fóra diso o trato que teño coa oficina consular é nulo. Onte chegou un email do consulado desexándome bo natal e a verdade é que normalmente tería rematado no lixo virtual se non fose por un detalle. Mirade o correo en cuestión:



Está mirado? Ben. Notades algo raro? Resulta que o cartón de Natal electrónico está en español, o cal é unha opción obvia, e tamén en inglés, que tamén é lóxico dada a localización. Ou pouco máis raro é que tamén estea en francés, ruso, chinés e árabe. Entendo que a idea é ser internacionais o cal desde logo eu non vou criticar porque é boa cousa. O meu problema xurde coas ausencias, as do catalán, o basco e o galego. Supoño que será porque non son linguas españolas...

Feliz Natal!

Monday, June 4, 2012

Cousas que un debe facer cando visita os EUA: disparar

Unha das preguntas máis habituais que me fai a xente en Galiza cando digo que vivo nos EUA é se xa merquei unha pistola. Deixando a un lado as consideracións morais, o certo é que ter unha arma en Chicago é bastante complexo. Na cidade a posesión de pistolas era ilegal até hai moi pouco (cando a corte suprema decretou a lei anticonstitucional) e incluso agora a posesión de armas está extremadamente regulada. En esencia, ademais de ter que rexistrarse coa policía, as armas só poden terse na casa (por exemplo: o garaxe e o alpendre non se consideran parte da casa para efectos da lei), e deben transportarse desmontadas. Por se isto non fose abondo, as tendas de armas son ilegais na cidade de Chicago.



Afortunadamente, existen lugares máis civilizados como Cincinnati (Ohío) onde este tipo de consideración son innecesarias e un pode adicarse a ese fermoso pasatempo que é dispararlle a cousas sen que medien gobernos entrometidos. Así que aproveitando a fin de semana, aí fumos a ver cal é o atractivo do asunto. Como son un home sensíbel, escollín para comezar un clásico cun calibre razoábel, unha Ruger MKIII cal. 22. E como non todo o mundo é coma min, un dos nosos amigos escolleu a nada sensíbel Glock 21. Moi semellante á polivalente Glock 17 en deseño, pero como os 9mm quédanlle pequenos ao redneck medio, os austríacos foron moi listos e sacaron para o mercado americano unha versión 45 ACP... unha semiautomática como deus manda, vaia.

A sensibilidade e a delicadeza feitas pistola: Ruger MKIII
Porque o tamaño (das balas) importa: Glock 21

A pesar do pouco aprezo que lle teñen en Ohío ao nanny state, un ten que seguir unha serie de regras básicas na galería de tiro, a miña norma favorita é sempre tratar unha pistola coma se estivese cargada. Semella que os Borbóns prefiren ignorar esta regra, o cal serve para dar de comer á prensa do corazón e aos historiadores.

Eu sendo sensíbel coa Ruger
Calquera que teña disparado unha espingarda de balíns pode comprender en que consiste o de dispararlle a brancos a diferentes distancias. A MKIII definitivamente ten moito disto en canto a peso e comportamento, até o punto de que a miña pontaría foi bastante boa e a sensación foi de estar a disparar nunha feira. A maior diferenza cunha feira era a Glock 21 no posto do lado que facía un ruído da ostía (mellor descrición posíbel). Pasar da Ruger á Glock foi como pasar de facerlle agarimos a un gatiño a espertar un león dándolle unha patada nos collóns. Facer dous tiros seguidos sen voltar a ter que apuntar é imposíbel, con independencia de canto te amarres á pistola. Desde logo, aqueles que buscan sensación de poder ao disparar unha pistola, deben decantarse pola Glock.

A miña sensibilidade foi ao carallo tras disparar coa Glock
O meco de papel está moi morto despois da miña falla de sensibilidade

Así que xa sabedes, se queredes matar follas de papel (tamén as hai con tipos ameazantes ou zombies), visitade Cincinnati porque disto en Chicago non hai.


Thursday, February 2, 2012

O que o ministro de Educación non dixo

Pois o que non dixo foi isto:


"El ministro de Educación, Cultura y Deporte, José Ignacio Wert, ha anunciado este jueves que desarrollará "medidas de puesta en valor de la educación, y ayudas de acción y promoción cultural en el mundo de la educación". Para todo ello, se comprometió a convocar la Comisión Consultiva Nacional de Asuntos Educativos, y ha añadido que el Ministerio "participará activamente en las iniciativas nacionales e internacionales" que se emprendan para considerar a la educación "patrimonio inmaterial"."



En época de crise hai que ter as prioridades claras, home!

Sunday, November 20, 2011

Confirmado


Por se alguén tiña algunha dúbida, Mariano Rajoy vai ser o próximo presidente do goberno. Entre unha chea de declaracións de boa vontade e referencias á grandeza de España, mencionou que quere ser presidente de todos os españois. A verdade é que esa é unha declaración que me preocupa por parte dalguén que foi un gran estudante de dereito, ao fin, para ser o presidente de todos os españois, España tería que ser unha república.

Este debe ser o detalle máis irrelevante de todo o discurso, pero prefiro un presidente do goberno que se debe aos seus votantes a un que se debe a algo tan difuso como todos os españois.

Thursday, September 29, 2011

A importancia da sincronía

Para variar, vou falar un pouquiño de algo que nos afecta a todos: o desfase horario entre a hora solar e a hora peninsular.

Primeiro ollade este mapa, tede en conta que a cor verde indica que o Sol acada o punto máis alto antes de medio día e o vermello despois. Unha zona cun verde intenso terá un mencer temperán e un solpor temperán e, deste xeito, unha zona cun vermello intenso terá un mencer tardío e un sopor tardío.


É sinxelo reparar que Galiza é bastante vemella, hai sitios peores, iso si. Tamén é obvio que os portugueses o levan un pouco mellor cá nós.

O tema podería parecer absolutamente arbitrario e até irrelevante se non fose porque os seres humanos son entes biolóxicos e os ciclos de luz e escuridade son algo esencial para o funcionamento ótimo do noso corpo.

Sen liarme demasiado, na base do cerebro hai un reloxo mestre que regula os rítmos circadianos de todo o organismo. Este reloxo denomínase Núcleo Supraquiasmático, e é tan importante que recibe a súa propia información visual independentemente da que viaxa ao córtex visual.

Fonte: http://en.wikipedia.org/wiki/Suprachiasmatic_nucleus

Os seres humanos evoluíron como animais diurnos, e o noso corpo está preparado para realizar actividades físicas durante os períodos de luz e ir durmir, en si mesma unha actividade fundamental e tan complexa como a vixilia, nos períodos de escuridade.

As consecuencias de desaxustar o reloxo dependen da gravidade do desaxuste, pero en xeral soen levar a un acurtamento da esperanza de vida e supoñen un factor de risco para doenzas metabólicas (como a diabetes) e trastornos mentais.

O fuso ou fusos horarios nos que se atopa un país son decididos de xeito político, por eso o mapa amosa desfases, pero o ideal é que a hora solar se aproxime á hora oficial. Un cambio neste senso levaría de xeito inmediato a unha mellora da calidade de vida dos habitantes.

Por outra banda, existen múltiples exemplos de países con múltiples fusos horarios (USA e Rusia, por exemplo) e iso non supón un grave problema para os seus habitantes. Homoxeneizar a toda a poboación nun único fuso horario, por motivos políticos, é un erro, un erro biolóxico.

Thursday, September 22, 2011

Mariano Rajoy, patriota galego!

Oes, eu escoitara algo de que o Rajoy tiña que saír do armario, pero nunca pensei que se referisen a isto:


Mariano é independentista!!!

Seica os publicistas pensaron que o vídeo era demasiado forte para o youtube e agora anda polos pornodominios do megaupload http://www.megaupload.com/?d=QB2MS8P6

Isto é o resultado de combinar a ignorancia co Google Images. Se os publicistas tivesen visto un mapa de Galiza algunha vez na súa vida, non terían escollido o que trae máis cores...

Peaso presidente do goberno ehpañol que vai ser Mariano!

PS agradecemento de NÓS-UP: http://www.nosgaliza.org/principal.php?pag=lernot&id=2139

Monday, April 4, 2011

O retorno dos cosmopaletos

Resulta que esta fin de semana, nunha ruptura da miña rutina experimentadora, pasei por unha libraría. Si, eses sitios con libros... A verdade é que non teño moi claro como funcionan, eu persoalmente vou alí na busca de café barato (e non bebo café), ou de aseos públicos. Seica tamén podes mercar libros, pero como son moito máis baratos en Amazon (.com) eu sinxelamente vou a mirar, coller ideas e ver como visten os hipsters.

Unha das ideas que collín, e merquei en Amazon (.com) unhas horas máis tarde, foi esta:


Non é que teña pensado facerme líder mundial, atopo o sistema democrático demasiado complexo (Bush, Aznar, ZP!?), pero se un futuro presidente pode comprender o libro seguro que eu tamén. A verdade é que saber un pouquiño de física e tecnoloxía debera ser requerido para calquera que aspire a dirixir un goberno. Básicamente porque logo toca lexislar sobre internet, ou saber se un faio catastrófico nunha central xaponesa vai erradicar a especie humana e o que aprendimos na escola no dá nin para entender aos nosos expertos. De feito non dá nin para saber se os nosos expertos son tal.

Por suposto, os aspirantes a líder mundial non concordan comigo e prefiren adicar o seu tempo a aprender idiomas, o cal é unha gran idea. Así Rajoy, ese home que nunca estivo no barco dun presunto narco, seica adica tres hora a semana a aprender inglés e así poder falar con Obama. Imos deixar a un lado o feito de que as principais relacións económicas do Pequeno Imperio deben de ser con Franza, Portugal e Alemaña. Ao fin, Rajoy falará francés como as vacas, xa que é o nivel que ensinaban cando el estudou. Sabemos que, dado o seu dominio do galego, o portugués sáelle como se fose nado en Reykyavík. E, probálmente, o alemán conta con demasiadas declinacións como para molestarse.

Cómpre lembrar neste punto que os cosmopaletos menores do reino (o señor conselleiro de cultura e o señor conselleiro de educación da autoanemia galega) levan un tempo coa teima do inglés. Supoño que Rajoy decidiu aclarar quen manda neste choio e amosarse como cosmopaleto maior. Ten o precedente do presidente Ansar (denominación internacional), que chegou a ter suficiente nivel de inglés para dar clases en Georgetown e ir dicir cousas como que ningún musulmán lle pedira desculpas por invadir España. E non falaba dos inmigrantes en pateras, falaba do século VIII. Creo que os xesuitas aínda se preguntan se deberan pedir control de alcolemia antes de permitir impartir aulas.

Supoño que Rajoy non aspira a falar de xeopolítica con Obama, básicamente porque igual acaba en guerra cos USA e xa sabemos como rematou a primeira... E para dicir "ghelou, ghau ar iu", as tres horas á semana vanlle vir sobradas. Iso si, se a cousa se lle dá ben, na miña visita a libraría atopei un libro que lle vai vir perfecto cando, no canto de falar con Obama, vaia falar cos líderes europeos, que ao fin é o que lle debera preocupar a este bo home. Para ti Rajoy, que sei que che vai gustar: